Todo ben clasificado e ordenado

Os arquivos municipais son unha fonte de material para os investigadores. gonzalo garcía
photo_camera Os arquivos municipais son unha fonte de material para os investigadores. gonzalo garcía

LALÍN. Máis de 145.000 documentos gardan os concellos das comarcas de Deza e Tabeirós Terra de Montes nos seus arquivos municipais. Unha numerosa documentación que permite achegarse á historia recente (fundamentalmente século XX) destes municipios de forma doada e rápida, xa que todos e cada un deles están clasificados, organizados e inventariados informaticamente, grazas ao labor que os técnicos do Arquivo Provincial están a desenvolver man a man cos concellos da provincia.

O obxectivo destes traballos, que comezaron xa nos anos 80 creando espazos adaptados e acondicionados para conservar en perfecto estado a documentación municipal, é non só facilitar a consulta, senón tamén poñer os medios para que non se perda a memoria histórica dos concellos.

É dicir, para evitar que as humidades, a exposición á luz solar, as altas temperaturas, os ratos, o caruncho ou os accidentes por mal almacenamento (incendios, anegamentos…) provoquen, como ten acontecido ata o de agora, a perda dunha documentación que pode ter un gran valor á hora de coñecer o devir histórico dun concello.

Ao longo de 2013, a Deputación traballou na actualización dos arquivos municipais de cinco concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, incorporando a documentación que estes xeraran nos dous anos anteriores.

Actuouse naqueles concellos nos que a última actualización databa de 2010 e 2011, polo que no Deza este labor realizouse nos concellos de Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón, mentres que en Tabeirós-Terra de Montes, as tarefas de actualización se realizaron en Cerdedo.

Documentación incluída

Tras esta actuación, os seis concellos do Deza contan con 77.948 rexistros, cada un dos cales se corresponde cun documento ou un grupo de documentos, mentres que en Tabeirós a documentación arquivada acada os 60.272 rexistros.

Trátase dunha amplísima documentación na que se inclúen actas de plenos, bandos e edictos, expedientes xudiciais da Alcaldía, libros de actas dos diferentes órganos municipais, documentación relativa ao persoal do concello; inventarios de bens e expedientes de doazóns, compras, expropiacións, permutas, desafeccións…; documentos de planeamento urbanístico, expedientes de obras en edificios municipais, públicos e privados; licenzas de obra e de actividades; expedientes de actividades agropecuarias, turísticas e industriais; documentación de emigración; beneficencia; expedientes de recrutamento, de mutilados de guerra ou de obxección de conciencia; censos electorais; orzamentos, investimentos, ordenanzas fiscais e contribucións de bens de natureza rústica e urbana, entre outros.

A asistencia da Deputación permitiu comprobar que as perdas de documentación nestes concellos son elevadísimas, ao igual que en todos os da provincia. De feito, nos municipios de Deza e Tabeirós-Terra de Montes practicamente non existe memoria documental da existencia destes concellos antes do século XX.

A Estrada

Así, con 43.568 rexistros, A Estrada é o que garda un maior volume de escritos dos nove concellos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, e tamén un dos maiores de toda a provincia, só superado por Vilagarcía, Redondela, Nigrán e Sanxenxo. Non entanto, presenta notorias perdas documentais e a práctica totalidade dos documentos corresponden ao século XX, ao igual que acontece cos oito concellos restantes.

Na Estrada, a escasa documentación anterior ao pasado século é posterior a 1840. Entre ela, a derivada do control e xestión orzamentaria desde 1894, libros de actas dos órganos colexiados -malia que faltan algúns testemuños correspondentes ao concello de Cereixo-, expedientes de traídas de auga (1888), de obras en centros escolares (1859), de obras en fontes e lavadoiros (1880), e expedientes de contribución rústica e urbana (1863).

Comentarios