Todo

París segue sendo unha festa. Mesmo era unha festa cando Hemingway enviaba artigos e artigos a xornais americanos para quitar a fame negra que pasaba alí. Aínda tivo folgos para contar en 'París era unha festa' o feliz que era. A capital francesa segue sendo unha cidade bonita; un chisco máis, agora que a primeira dama soa en todas as emisoras con esa voz enmoquetada en azul. París segue sendo unha festa, mesmo agora que uns mangallóns con uniforme de camuflaxe patrullan xunto aos monumentos máis importantes mirando con desconfianza os musulmans que pasan en túnica. Paris non deixou de ser unha festa, pero non hai ser humano que atope unha papeleira e, as que se atopan, son transparentes para evidenciar bombas. Paris é unha festa de luz e vida malia que un turista coma min se perda na avenida de Montaigne buscando un sitio para xantar por menos de cen euros o menú do día. Nesa rúa comprendín de seguido que Giancarlo Ferré, Nina Ricci ou Enmanuel Ungaro, non eran nomes de restaurantes famosos, senón marcas de roupa. Deducín logo, que os señores traxados que decidían quen podía entrar non eran mâitres, senon gardas vixilantes. Eu sentínme como o Hemingway da miseria entre tanto lujo, pero logo reparei en que el rematou por quitarse a vida cando tivo todo.

Comentarios