Toñi e David

¿E se a encargada de mercar as vieiras furtivas non fose Toñi Vicente? ¿E se por algún motivo a empresa de “catering” que serve a un centro escolar decidise -nun acto improbable, vistos os menús do curso- elixir vieiras en veda e mandalas para o comedor, xogando así coa saúde do alumnado? ¿E se a gran dama da cociña galega fose unha ama de casa normal, das que cociñan sen estrelas todos os días do ano e sen máis “michelín” có que lle rodea a cintura por debaixo do mandil?

Se o conto fose dese xeito, habería que ver cantos saían na defensa da persoa que tivo a imprudencia de elixir un produto que se move fóra das canles comerciais habituais; máis ben renegarían da compra furtiva e levarían as mans á cabeza pola decisión. Daquela o problema si sería de saúde pública, non de símbolos, nin tampouco mediático. Pero, desta vez, ser intelectual, político ou persoa de negocios _clientela habitual do restaurante da cociñeira acusada de mercar vieiras furtivas_ parece que ten desvantaxes fronte ás persoas do común. Os clientes puideron enfermar, si, pero sería unha doenza adubada coa destreza dunha cociña de autora, parécennos dicir as persoas que se reuniron como desagravio por Toñi Vicente. Síntoo por ela, creo que en nada a beneficiou semellante xantar público.

E xa que estamos a falar de agravios, vénseme á cabeza a dor de cabeza pola que está a pasar o piragüista David Cal. Seica o peso do seu medalleiro non é unha realidade tan obxectiva para as responsables políticas da rama deportiva do Goberno coma para o resto dos galegos. Despois de mentir no Parlamento e cifrar as subvencións recibidas polo padexeiro nunha contía que logo do desmentido do cangués se viron obrigadas a precisar e rebaixar, semella que non hai recuncho no que a mentira non reine, no Parlamento aínda menos.

Mediante un comunicado de ton algo peculiar, o do Hío amosou con descaro o farto que está do trato que recibe por parte do Goberno galego. ¿Podémonos permitir ese luxo, o luxo de non mimar a quen é xa un mito deportivo? ¿Responde ese trato xa non aos resultados do deportista, senón ao sentir dos seus concidadáns? ¿Alguén propón un xantar como desagravio?

Comentarios