Touradas na Galiza

Segundo o inquérito de Gallup, máis do 86% dos galegos e galegas rexeita ese espectáculo sanguinario e criminal das touradas. Canarias, Cataluña, Aragón, Asturias e Galiza son as comunidades autónomas do Estado nas que hai unha menor poboación interesada nelas e unha maior oposición a que se celebren. Resulta esperanzador que xa se conseguise a súa eliminación definitiva nas dúas primeiras.
   
O movemento antitauromáquico non é un fenómeno novo, senón que conta tantos anos de percorrido como as mesmas touradas. Existe unha sólida tradición cultural, filosófica e política antitaurina, como amosan, mesmo no Estado español, textos de Jovellanos e de Unamuno ou as prohibicións decretadas polos reis Carlos III e Carlos IV nos séculos XVIII e XIX respectivamente. A aqueles monarcas, educados no espírito europeo e ilustrado, parecíanlles celebracións festivas indignas, salvaxes e aberrantes, propias dunha España profunda e cruel, que había que eliminar. Xa daquela a antitauromaquía tiña un carácter case universal, aumentando moito os seus adeptos nas últimas décadas, segundo se extendeu entre as novas xeracións a conciencia ética a prol da protección da vida animal e do respecto á súa dignidade.

O costume secular, sobre todo entre os católicos, de ver aos animais como meros instrumentos para o servizo e divertimento dos humanos -seres donos da natureza- explica o lamentábel e histórico matrato animal. Aínda hoxe os toureiros seguen moi unidos cerimonialmente ao catolicismo, gozando das bendicións eclesiásticas. E na capela católica instalada en cada praza o tauricida aínda conserva o protocolo de orar antes de desenvolver o seu labor sanguinario. Nos antípodas, o santo Mahatma Gandhi, seguidor da relixión xainista, afirmaba que ''a grandeza dunha nación e o seu progreso moral poden ser xulgados pola forma na que son tratados os seus animais”. A nación catalá pode fachendear de que posúe a suficiente sensibilidade para non ser xulgada mal. O pobo galego, que sempre sentiu un amor especial pola vaca, o seu animal totémico, sabe tamén respectar aos touros de lidia.

O maltrato animal non constitúe nin arte nin cultura, senón un espectáculo  cruel que vulnera o civismo máis elemental. A crítica principal que se pode facer das touradas desde Galiza non se debe basear na súa escasa relación coa tradición galega, senón en base ao principio ético de carácter universal de respecto á vida animal. Nin siquera nos lugares onde teña arraigo calquera espectáculo bárbaro debe ser conservado. Lémbrese, por exemplo, que a corrida do galo foi prohibida no concello de Zas pola autoridade gubernativa. Neste caso quizá por ser unha salvaxada galega.

Quen queira asistir a espectáculos auténticos e apaixonantes de loita con animais que vaia ás rapas das bestas que se celebran no verán. Poderá ver pelexas en pé de igualdade entre homes e bestas. Non nobres touros afeitados, picados, banderilleados  e apuntillados por profesionais da tortura. É lamentábel que algunhas autoridades acudan a estes espectáculos bochornosos, e máis aínda que os subvencionen con diñeiro de todos -tamén dos maioritarios cidadáns auntitaurinos-, como xa só ocorre co concello da Coruña e a Deputación de Pontevedra, impedindo que morran por si mesmos, por carencia de público.

Comentarios