jueves. 24.06.2021 |
El tiempo
jueves. 24.06.2021
El tiempo

Fina Barral, vecina de Vilariño: "Traballei moito sen gañar un pataco"

"Ós meus fillos crieinos todos coa fariña do millo", lembra Fina Barral, veciña de Vilariño homenaxeada polo Día da Muller Traballadora. A piques de cumprir 87 anos, fala nesta entrevista da vida dunha muller de campo, traballadora, que foi quen de sacar adiante 16 fillos. "As mulleres aguantamos todo. Levamos a vida no lombo", afirma.

A súa é a familia máis numerosa de Poio e o Concello quere recoñecer o esforzo desta muller, que foi quen de sacar adiante 16 fillos, dos que viven 15. A Fina Barral García (Poio, 1930) non hai cousa que máis lle guste que rodearse dos seus, facerlles de comer un bo cocido e unha boa sopa e coidar das ovellas que aínda mantén. "Cando nacen os años aínda lles dou o biberón", comenta. O venres, o Goberno renderalle homenaxe a ela a outras veciñas do municipio con motivo do Día da Muller Traballadora. "Eu traballeiche moito. Había que criar os fillos e atender a casa", afirma esta veciña de Vilariño, que o vindeiro 28 de marzo cumprirá 87 anos.

Que pensou cando lle dixeron que lle ían facer unha homenaxe polo Día da Muller Traballadora?

A min dixéronme que ía saír na televisión, pero de premios non falaron. Eu traballei moito. Traballei moito sen gañar un pataco. Como tiña moitos fillos e tiñamos vacas, non tiñamos para manter todo. Traballaba fincas que non eran miñas. E iamos a medias co dono. Eu labrábaas e traballábaas e logo repartiamos: a metade para min e a outra metade para o dono da finca. Se era unha finca de 20 cestas, como a que tiña no Torto de Abaixo, dez quedaban para min e dez para o dono. De espigas ou do que houbera plantado.

E que facía co millo?

Levábao a moer. Ós meus fillos crieinos todos coa fariña de millo. Levábaos ó muíño de Riomouro e despois, cunha peneiriña fina, peneiraba. Traía a mellor fariña e facía as papas.

Quedaba moi lonxe o muíño?

Cando o río traía moita auga ía a Riomouro (a tres quilómetros da súa casa, monte arriba). Fun moitos anos a Riomouro. Moitos quilómetros. Eu iba alí a moer o millo.

Canto tempo tardaba en chegar a Riomouro para ir moer?

Ai… Ía co saquiño ó lombo, para subir e para baixar. Para baixar do muíño, con perdón, había que sentar o cu no chan e baixar arrastro. E subir a gatas, moitas veces.

A súa foi unha vida moi dura…

Moi dura. Foi moi dura. Criei a 16 fillos. E houbo un tempo no que o meu home tivo que marchar uns anos a Suíza… El ía e viña cando se podía e eu estaba soa cos fillos. Tiñas que tirar para adiante como se podía, con moito traballiño. Os meus fillos, os homes, traballaron moito, pero as mulleres... As mulleres traballaban como homes. (...) Estou moi orgullosa das miñas fillas.

"Na miña casa, os domingos sempre veñen os fillos a tomar o caldo. Gústalles moito o cocido"

Como foi quen de sacar adiante a 16 fillos?

Pois así: ás boas e ás malas. Cando ía para traballar na veiga, levaba unha cesta grande feita de vides, poñíalle unha mantiña ou un saco e os máis pequeniños quedaban alí até que acabase de traballar. Os máis grandes coidaban dos máis pequenos alí. Eu sempre levaba ós rapaces á finca. Os que non podían ir á escola tiñan que vir comigo.

E puido estudar?

Eu estudei pouco. O que me tocou... De solteira, si. Dábannos uns cadernos coas letras e aprendiamos algo. Os que estudaron foron os meus fillos, que foron moi estudosos.

E despois da vida tan dura que tivo, agora como se sente?

Agora estou arruinada das pernas. Porque eu andaba moito. Ía buscar as vacas ó monte. Unha vez tivéronmas que traer á casa porque me escaparon ó Vao. Andaba moitos quilómetros, moitos de Deus. Pero agora estou feliz. Porque vexo ós fillos criados. Estou feliz con eles. Eu ós meus fillos ensineilles a ter educación e a ser boas persoas. Todo o que traballei, que foi moito, foi para axudalos.

Tamén ten 19 netos e seis bisnetos.

Os netos e os bisnetos están moi espallados. Xa non os aquelei eu. Téñoos en Vilagarcía, outra en Noalla, outros en Marín e tamén en Vigo. Todos separados. Ós fillos téñoos máis preto. Están case todos en Poio, menos unha, que tivo que ir para Vigo.

"As miñas pernas gastáronse. Pero aínda paño herba. O outro día fomos fotar unha veiga de patacas e fun co legón, eh!"

E lembra algunha anécdota da súa infancia?

Teño moitas, pero agora non me veñen á memoria... Xa traballabamos de pequenas. Na casa dos meus pais, na que eramos nove irmáns, traballábamos moito. Nunca se nos puxo un traballo por diante. Podiamos con todo.

E, sendo tantos na familia, a casa quedará pequena para reunirse todos...

Aquí sempre hai sitio para todos. Ós domingos, á miña casa sempre veñen os fillos a tomar o caldo. Gústalles moito o cocido. Aínda onte (polo domingo) fun a pola verdura para facer o cocido. Como comín fóra da casa non quedou caldo feito. E díxenlle á miña filla Merchi que non podía quedar sen facer para o día seguinte.

E segue a traballar as fincas?

Agora non fago moito. Fago o que podo. As miñas pernas gastáronse moito. Pero aínda paño herba e o outro día fomos botar unha veiga de patacas. E eu fun co legón para abrirlles os regos, eh!

Leva 64 anos casada co seu home, Canducho. Está a piques de cumprir as vodas de platino, un récord...

Eu casei no ano 53, o 12 de setembro. As mulleres sempre aguantamos todo, fillo. Levamos a vida no lombo…

E saíronlle adiante os 16 fillos?

Tirando un fillo que me morreu... que tiña cinco anos. Quedoume moita pena. Era un rapaz moi educadiño. Era un rapaz moi bo. Foi unha morte súbita. A morte dun fillo nunca se olvida. É algo que levo aquí dentro.

Que fai no seu tempo libre? Mira a televisión, escoita a radio…?

Agora xa non vexo ben. Deume un derrame cerebral e afectoume á vista e ó oído. Non escoito moito. Antes escoitaba moito Radio Pontevedra. Sempre poñía o parte cando facía de comer. A min o que me gusta é estar cos netos, cos fillos e cos animais. A veiga tampouco a deixo. É o que sei facer. Agora estou esperando a que me chamen do médico, que me teñen en lista de espera.

Fina Barral, vecina de Vilariño: "Traballei moito sen gañar un pataco"
Comentarios
ç