sábado. 19.10.2019 |
El tiempo
sábado. 19.10.2019
El tiempo

Tramoias do silencio

Naomi Klein, no seu clásico libro 'No logo: el poder de las marcas', explicou o curioso proceso polo cal as multinacionais adoptan os universos de palabras e imaxes das culturas marxinais como un xeito de apropiarse de algúns dos seus valores

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ÚLTIMAMENTE ESTOU bastante interesado nos ladróns de palabras: como as verbas adoitan pertencer ao dominio público, sempre temos a alguén interesado en zugarlles o zume saboroso que o tempo foi deixando nelas en forma de valores e imaxinarios, para despois deixalas tiradas e inservibles. Cumpriría obrigar a todos estes vampiros do léxico a reforestar as palabras despois de que as devastaran, porque as boas palabras tamén son unha especie en perigo de extinción.


VISTA
Camiñamos o románico da Ribeira Sacra por Pinol ou Lobios, en Sober. Son exemplos delicados dunha sofisticada arte medieval chea de sentidos. Na sacristía de Lobios un confesionario abandonado amosa unha caveira por riba da celosía para lembrarnos que hai que ter a alma limpa por se hai un imprevisto; noutra ilustración un cura escoita os pecados dunha beata, atada cunha cadea ao confesionario e cun anxo a piques de ceibala —pero aínda non—. Como explicalo mellor? Carme Varela aproveita para explicarnos o seu pecado románico preferido, custoso de entender hoxe: unha figura representada en canzorros que deita a cabeza nunha man. Trátase da melancolía.


GUSTO
Fago aquí unha petición ás novas xeracións de adegueiros e elaboradores de cervexa do país. Non é necesario tanto entusiasmo. Nos últimos anos, no mundo do viño galego, está de moda a acidez. É certo que achega frescura, tipicidade, facilita o envellecemento, pero xa está. Non deixemos que unha característica devore as outras e polo camiño nos fure os estómagos. E pasa o mesmo cos novos elaboradores de cervexa artesanal. Vale que é un universo moi interesante e con algo de futuro. Pero, por favor, controlade un pouco máis o gas carbónico. Ás veces unha degustación destas cervexas artesanais parécese máis ben a un concurso de inchadores de globos.


OLFATO
Vou visitar un novo campamento romano de marcha, só percibible a través de novas tecnoloxías. Aquí un continxente militar pasaría apenas unha noite ou uns días hai dous mil anos. O abraiante deste recinto é que ten un castro dentro. Ao volver, atópome cuns vellos. "No castro había mouros", dime un deles, "pero un pouco máis alá, naquela chaira, alí contaban os vellos que acamparon os fenicios". Quedo alucinado. Unha memoria dun evento de apenas días, conservado durante dous mil anos! Pídolle permiso ao señor para gravalo en vídeo porque non me van crer. E nese momento, o home cambia a versión, e xa só fala dos mouros do castro. Despois explícamo. El ten unha finca de eucaliptos naquel campamento fenicio.


OÍDO
Naomi Klein, no seu clásico libro No logo: el poder de las marcas (Paidós, 2002), explicou o curioso proceso polo cal as multinacionais adoptan os universos de palabras e imaxes das culturas marxinais —o rap, o hiphop, por exemplo— como un xeito de apropiarse de algúns dos seus valores. Na tramoia actual, esta técnica aplícase á política, cando se bota man das palabras do común con acervo simbólico que a partir dese momento xa deixan de ser do común. A perversión do uso de ideas como democracia, urna ou diálogo, violentando os seus valores positivos para agochar procedementos controvertidos é tan obscena como exitosa ata o pasmo. Sabendo o que hoxe sei, case prefiro aquela política na que as siglas eran opacas e os políticos falaban nunha metalinguaxe incomprensible. Así cando menos non transmitían a falsa ilusión de estaren próximos á realidade.

TACTO
A crise do mercado editorial galego é máis que seria. Do 2010 a hoxe reducíronse un 50% o total de títulos que saían por ano. Somos o único mercado lingüístico do Estado que perde fol, e estamos a dous pasos da irrelevancia. E aínda que nisto todo o mundo, coma no fútbol, ten unha explicación inmediata, o problema é complexo de vez. A Xunta funciona de sparring de consenso de todos os axentes, pero o tacto colectivo evita enunciar moitos dos outros problemas, que non están no Goberno. Así que é unha crise, sobre todo, de silencios.

Tramoias do silencio
Comentarios