Travesías de onte a hoxe

Moitos esquecen que máis de un millón de galegos embarcaron cara a América durante o XIX e boa parte do XX. A aviación civil foille gañando terreo, a partir da década dos 50, ás compañías marítmas que cubrían as liñas de Sudamérica, do Caribe e do Norte. Só se salvaron uns poucos trasatlánticos, adaptados para "cruceiros" de luxo.

Tampouco se fabrican xa baúis -lembro aqueles "medio mundo" onde collía moitísima vida-, nin hamacas para tumbarse na cuberta duns vapores que cheiraban a rancho, especialmente nas dependencias da 3ª Clase, tamén chamada "turística" e "económica"...

Agora todos andamos polo aire; comida de catering, espazos incómodos, jet lag... Mais, en doce horas pómonos na Habana ou New York e, en catorce, en Montevideo ou Buenos Aires. Crucei o Atlántico, en 1969, no Enrico "C" da Costa Armatori, un dos últimos paquebotes da rota Buenos Aires-Genova. Foron vintetrés días de travesía até chegar a Vigo.

Acabo de saber por un xornal que o meu barco aínda navega. Mercouno un tal Alessandro Corsini, un tipo raro que lle cambeou o nome e que o adica a espectáculos de sexo e desenfreo a bordo. Non me alegrou nada que sobreviva así.

Comentarios