Tres cesantes incesantes

Debería pedir desculpas pola teórica frivolidade deste (só deste?) artigo, pero comprenda o/a lector(a) (especialmente os/as máis veteranos/as) que hai unha chea de poboación que aínda non coñeceu máis realidade que esta que en poucos días está a piques de rematar, e que xuntou en espazo e tempo a tres 'intocábeis” que pasarán desde agora a formar parte da historia, ou nalgúns casos, da histeria, e mesmo tamén, da 'hostioria'.

O primeiro caso é o de Manuel Chaves. Contra do que moitos pensan trabucadamente, non foi o sempiterno presidente andaluz, xa que só ostentou este cargo desde 1990. Anteriormente fora ministro con Felipe González (de Traballo, para máis datos), e os seus antecesores foran Rafael Escuredo e José Manuel Rodríguez de la Borbolla. Pero claro, case 19 anos no poder dan unha sensación na lembranza de permanencia pouco menos ca sempiterna. Nin o mesmísimo don Manuel (Fraga) acadou tal marxe de estadía na poltrona.

Pois ben, don Manuel (Chaves) pon o punto e final á súa manda, pero non pola forza das urnas, como o seu homónimo galego, senón polo reclamo dun Goberno en crise que chama ao político andaluz aos seus vellos tempos de membro dun gabinete estatal. Cousa lóxica en certa maneira, porque se de algo está a precisar o executivo estatal diante desta crise asolagante, é de 'chaves' que axuden a atopar algunha saída.

Iso si, Andalucía comezará unha nova xeira case do único xeito que podería facelo: por abandono forzoso do presidente. Porque se houbese que agardar a que Javier Arenas algún día gañase algo por aló abaixo para facer o relevo, apañados ían. En todo este tempo, non foron areas dabondo para enferruxar esas chaves.

A seguir cos caídos, non por Deus e por España aínda que neste caso a cousa non estea tan descamiñada, o ínclito Jiménez Losantos xa non volverá a amosar polas mañás a súa realidade virtual nas mañás da Cope.

Moitas conxeturas fixéranse sobre esta defenestración que xa era un rumor a berros, pero os datos obxectivos eran que a carreira deste político foi fracaso tras fracaso (si, digo ben, político, porque nese uso de terratenente que facía dos micrófonos dos bispos, sempre alardeaba dos seus obxectivos á fronte dos mesmos: a España 'nacional' e o sistema 'ultraliberal'.

Chamar a este manipulador axitador de masas 'xornalista' é unha aldraxe ao xornalismo). E digo fracaso, porque desde a derrota de Aznar, todo aquel a quen este engaiolador profesional quería soterrar, foi acadando repetidas vitorias.

Que había que defenestrar a ZP? Triunfo de ZP. Que había que esmagar a carreira política de Rajoy? Aí teñen ao PP rexurdindo das súas cinsas. Que había que escarallar o futuro político de Feijoo por nacionalista e separatista (as memeces que hai que escoitar)? Sen comentarios. Daquela, con semellante estratega, é comprensíbel que a Cope se cansase de facer o ridículo. Ben, matizo: de facer 'tanto' ridículo.

Iso si, como dicía un atinado usuario de internet sobre a noticia, ''Menuda putada. Primeiro quitáronme a Gomaespuma e agora a Federico. De quen me vou rir a partir de agora cada mañá?''

E a terceira grande fin de época virá en poucos días: o PNV deixará de gobernar na Comunidade Autónoma Vasca logo de case trinta anos no poder en época democrática e outros 43 no exilio. O enxendro PPOE (PSOE+PP) será quen leve os des(a)tinos nos próximos catro anos desa comunidade. Agora só queda ver como reaccionará a cidadanía perante estes experimentos de laboratorio, pero vamos, o feito histórico velaí está. E ademais, sementando exemplo. Miren se non o de Abegondo.

Daquela, que o saiban os/as nosos/as lectores máis novos/as: como dicía precisamente o título daquela serie xuvenil, 'nada es para siempre'. Non só iso, senón que en escasa marxe de tempo, poden caer varios 'intocábeis'. Ou non foi aviso dabondo cando Ramón García deixou de dar as badaladas en TVE?

Comentarios