''Trucos como pedir fuego o frases tipo '¿estudias o trabajas?' continúan vigentes a la hora de ligar''

Santiago Legaspi imparte obradoiros de sedución. Este traballador do centro Quérote + da Coruña imparte talleres de sedución nos que os galegos aprenden técnicas de ligue á vez que revelan as súas cartas

En Galicia hai mozos con plan alternativo as noites dos venres. Divertidas reunións nas que aprender a conquistar a media laranxa.

P ¿En que consisten estes talleres?

R É un obradoiro dirixido a mozos de entre 18 e 35 anos no que se poñen en común as estratexias de cada participante, se dan pautas e se fan representacións para romper os obstáculos que se nos poden presentar ao coñecer xente. 

P É dicir, que fan simulacros.

R Si. É a técnica de rollplay: pór a xente nunha situación para que demostre como actuaría. Así a xente anímase e lánzase (risas).

P ¿Cales son os principais erros?

R Ás veces tentamos ligar en contextos nos que non estamos cómodos, como pode ser un amante do deporte e a natureza nunha discoteca, con todo o que leva asociado. Ao mellor a esa persoa dáselle mellor coñecer xente afín en actividades de tipo deportivo.  

P Falando de ligar en discotecas, ¿hai un manual de estilo do ligón/a?

R A todos nos gusta gustar, co cal nos arranxamos. Agora ben, debemos facelo dunha forma natural  e que non  sexa esaxerada na estética e a vestimenta.

P No obradoiro vostede dá unha serie de pautas. ¿Cales serían as claves á hora de seducir? 

R Son tan sinxelas como ser un mesmo, ser sinceros, cautelosos, atrevidos... A autoestima é o piar d todo, estar en con nós mesmos, e logo é fundamental unha boa comunicación.

P ¿Internet e as redes sociais cambiaron a forma de atopar parella? 

R Abren novas posibilidades á hora de coñecer xente e de relacionarse. Antes coñecías alguén e pedíaslle o móbil; agora o que lle pides é o Facebook. E aí, nada máis coñecer unha persoa atopamos un montón de información súa. Coas súas vantaxes e inconvenientes.

P ¿Cales son as técnicas máis usadas á hora de conquistar? 

R Pois aí hai moitas, pero o infalible é a mirada, o buscar a outra persoa e xogar coa mirada, así como co coidado das primeiras palabras que dicimos ao outro.

P Nese punto, ¿segue vixente aquilo de "estudas ou traballas"?

R Si, por suposto, sobre todo para romper o xeo. Despois o que máis conta é buscar intereses en común, e aí é cando lle segues o conto a unha persoa ou cortas (risas).

P Antes da lei antitabaco tamén era moi socorrido o de pedir lume...

R ¡E eses trucos de toda a vida aínda seguen moi presentes! (risas).

P ¿Que é o que máis lles preocupa aos asistentes aos talleres?

R As mulleres pregúntanse que buscan os homes e viceversa. 

P ¿E quen toma máis a iniciativa á hora de entrarlle ao outro sexo?

R Nós o que vemos nos talleres é que hai moitas rapazas ás que lles gusta levar a iniciativa.

P ¿Os participantes volven logo a contarlles os seus logros?

R Si, moitas veces. E tamén no mesmo taller se fixan noutras persoas, indo a tomar algo despois

P Fai acto de presenza logo Cupido.

R Si, hai feeling entre participantes e tamén se dan situacións curiosas. Nunha ocasión lembro que unha rapaza se fixara nun rapaz, que á súa vez estaba interesado por outro mozo do grupo (risas).

“Os piropos seguen de moda, mentres que o romanticismo está un pouquiño en crise”

P ¿Os piropos seguen de moda ou están en perigo de extinción?

R Por suposto que seguen aí, pero aquí pasa un pouco como coa estética: rexéitase o esaxerado. 

P ¿E o romanticismo?

R Fundamental non é; de feito está un pouquiño en crise. 

P Do que non queda rastro é daquel cortexo de antano. 

R Si. Vivimos nun mundo no que todo é moito máis rápido; hai trens que pasan e ou o colles ou o deixas pasar. Iso si quedou un pouco desfasado.   

P ¿E a crise? ¿Tamén afecta á hora de ligar? 

R Todo o que estamos pasando fainos estar moi negativos e derrotistas, polo que á hora de buscar parella confiamos menos nas nosas posibilidades.

P Cando sempre hai un roto para un descosido.

R Non me gusta falar de rotos nin de descosidos, que son como etiquetas de que esas persoas non valen. Cando todos temos potencialidades, o que hai é que saber explotalas. 

P ¿Hai para quen o feito de ligar é como unha droga?

R Polo xeral, estamos faltos de autoestima e precisamos alimentala dalgunha maneira, e que mellor xeito que sentirnos desexados. E si, hai quen o necesita a diario. Logo tamén hai quen, cando consegue o que quere, perde o interese.

P Haberá quen se pregunte que tal se lle dá ao experto a arte de seducir...

R ¿A min? (risas) Pois podería usar a expresión de “en casa de ferreiro, coitelo de pau”.

P ¿Fixo moitas loucuras por amor?

R Todas mereceron a pena

Comentarios