TVE faise eco do número mil de 'LV De Luns a Venres'

O espazo Semanal 24 horas de TVE, que presenta o xornalista Jenaro Castro e que se emite nas cadeas 24 Horas e Canal Internacional, fíxose eco na súa revista de prensa do número mil do xornal LV De Luns a Venres (pode descargar aquí a devandita edición), o gratuíto galego, que edita o Grupo El Progreso.

O programa destacou que LV é o terceiro xornal de maior tirada de Galicia e a súa meritoria implantación na comunidade nestes tempos de crise. 


LV De Luns a Venres, o terceiro xornal de Galicia

Cunha difusión media de 32.906 exemplares, o gratuíto LV. De Luns a Venres figura xa entre os 30 xornais con maior divulgación en España e no terceiro lugar da comunidade autónoma galega, só superado por La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Ademais, o periódico do Grupo El Progreso é xa o segundo en presenza na provincia da Coruña.

Estes datos, recollidos no informe de medios impresos que elabora EGM en base a datos achegados por OJD, o outro gran medidor de audiencia na prensa, veñen a corroborar a excelente acollida e progresión que está a ter nas sete principais cidades galegas o xornal LV.

Fundado en decembro de 2006, o primeiro diario gratuíto galego e en galego está a piques de acadar o seu número mil cunha distribución media diaria de 40.000 exemplares en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Ferrol e Pontevedra. A esa cifra hai que engadirlles os aproximadamente 5.000 que se remiten por correo electrónico en formato PDF e a edición especial que cada mes se publica para os centros galegos de Bos Aires e Montevideo, cun total de 1.100 diarios de tirada.

Nas dúas últimas ondadas do Estudio General de Medios (EGM), LV. De Luns a Venres experimentou senllas subidas: do 16,67 por cento en novembro de 2010 e do 3,57 por cento en marzo do presente ano.

Comentarios