Un achado en Doade 'fala' da Idade de Ferro

As escavacións promovidas pola Casa do Patrón deron cun foxo na parroquia lalinense ►Este descubrimento "estrela" permitirá coñecer máis sobre a forma de vida dos castrexos
O foxo ten unha profundidade de 3,85 metros e ten forma de V
photo_camera O foxo ten unha profundidade de 3,85 metros e ten forma de V

A pesar dos milleiros de estudos que se levaron a cabo, a Historia de Galicia segue a ser moi descoñecida. Pero grazas ás inquedanzas e curiosidades de moitos e moitas galegas, cada día descóbrense ao longo de toda a comunidade obxectos e construcións que permaneceron escondidos baixo metros de terra e fungo e que permiten aos especialistas coñecer cada vez máis cousas sobre a forma de vida dos castrexos.

Este mesmo mércores, Vanesa Trevín Pita, directora de escavacións da empresa de arqueolóxica Argos, informaba do achado dun foxo na parroquia de Doade, en Lalín, moi preto do castro que xa se coñece dende hai dous anos. "O foxo é o elemento estrela desta escavación, é impresionante e un dos pouquiños que están escavados en Galicia", sinala Trevín Pita. "A nivel científico vainos dar moitísima información sobre a Idade do Ferro galega", engade. Trátase dun dobre foxo de 3,85 metros de altura e en forma de V escarvado na roca da muralla, un elemento defensivo utilizado polos castrexos para disuadir aos inimigos.

As escavacións e o estudo da zona, situada a 600 metros do museo etnográfico Casa do Patrón, comezaron no ano 2015. Os responsables deste museo decidiron despregar todos os medios e diñeiro ao seu alcance para continuar "musealizando" esta zona da parroquia de Doade, que conta cun gran valor patrimonial. Así, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e Argos, A Casa do Patrón adquiriu estes terreos, sobre os que os arqueólogos e becarios da Usc traballaron arreo para dar a coñecer a todos os galegos e galegas estes achados, que permitirán saber un pouco máis sobre a Historia de Galicia e que se poderán visitar a partir do próximo sábado.

A primeira campaña das escavacións comezou no ano 2015, cando o equipo de arqueólogos atopou e sacou á superficie a metade da casa grande. Xa no 2016, "sacamos o resto desta casa e escavamos un pouquiño ao redor e nos saíu outra casa, que se trata dunha construcción anterior", conta Trevín. A continuación, fixeron un sondaxe na muralla, "e sorprendeunos moitísimo que dende o muro de contención que está xusto detrás da casa cara atrás é todo muralla, a anchura é impresionante", manifestou a directora da escavación.

Trevín conta que descubriron que a muralla tiña "unha serie de recheos de pedra, terra e preparados e que era moi alta -calculamos que sete metros"-, e engade que "este ano, ademais de descubrir esta casa, que é moi interesante, descubrimos unha nova maneira de construír, pero que de momento aínda non podemos dicir que é nova, pero si que é moi curiosa". E é que ao parecer, os castrexos colocaban pedras arredor do muro pola parte exterior da casa, "como facéndolle un cerrado" para aguantar os cimentos do castro. Trátase, segundo explica Trevín, "dunha preparación para empezar a facer a casa". Esta vivenda,pensan, foi derruída para construír unha máis grande, pois "non atopamos restos da casa pequena, polo que esa é a interpretación que lle damos".

Mais non acaban aí os descubrimentos destes dous anos de traballo. Hai uns meses fixeron outra sondaxe na zona e encontraron "unha especie de almacén anexo á casa grande, posiblemente feita con material perecedoiro, como palla, barro ou algún tipo de madeira, e que posiblemente utilizaban para gardar alimentos ou calquera outra cousa". Esta construcción ten un pavimento e uns furados de poste "que servirían para aguantar dunha estructura, un tellado ou algo así", di Trevín.

E xa por último, as escavacións permitiron dar co foxo. "Fixemos unha prospección xeofísica e deu como resultado unha perturbación nesa zona. Intentamos facer o corte polo medio e nos saíu perfecto, o foxo enteiro", indica a directora. "Unha vez que aos castrexos non lles facía falla o foxo empezárono a encher con pedras con restos da muralla, e isto ao final converteuse nun campo de cultivo", conclúe.

Pero a pesar destes importantes achados, o xerente da Casa do Patrón, Manuel Blanco Villar, conta que ata o momento non dispuxeron de moitas subvencións para continuar indagando na historia de Galicia. "Temos solicitada unha axuda a Agader e espero que nos sea concedida para poder continuar coas escavacións e seguir musealizando a zona", asegura Blanco.

AGRADECEMENTOS. A Casa do Patrón quixo agradecer "a extraordinaria profesionalidade, dedicación e colaboración, tanto da empresa de arqueoloxía Argos como dos estudantes en prácticas Fátima Sánchez, Marta Martínez, Víctor García, Cristina Ordóñez, Julián Bustelo, Verónica Silva, Diego Babarro, Samuel Nión e Uxía Iglesias; a titora do máster de arqueoloxía e asesora científica, Mª Pilar Prieto e o director científico José Manuel Caamaño Gesto, que se encargaron de executar esta campaña tan importante, que resultará decisiva para o futuro do noso castro".

Comentarios