Manuel Otero Pombo, promotor do parque empresarial de Nantes: ''Un alcalde non pode ter caprichos que danen á xente''

Manuel Otero Pombo (Foto: Rafa Estévez)
photo_camera Manuel Otero Pombo (Foto: Rafa Estévez)

Foi home de confianza de Telmo Martín. No 2003 non formou parte da súa lista electoral, pero o ex-alcade xa dixo entón que él seguiría a ser a persoa do partido en Nantes. Desde aquela, o parque empresarial da zona, do que Otero Pombo é un dos maiores propietarios, tomou un impulso inicial, pero logo quedou atascado nunha espiral da que parece incapaz de saír

Manuel Otero Pombo anunciou hai unha semana que en setembro presentaría unha denuncia contra a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González Bea, para que finalicen dunha vez as obras de urbanización do polígono. Otero Pombo foi compañeiro de goberno da rexedora, pero as relacións enfriáronse e volvéronse definitivamente malas cando o exedil impulsou unha escisión do Partido Popular, Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), da que non se cansa de dicir que xa non ten nada que ver co PP.

Por que vai denunciar á alcaldesa?

Vou denunciar á responsable da Xerencia Municipal e dos actos da parálise na que está o polígono, que é ela, porque o Concello leva dous anos cos cartos á súa disposición. E dou este paso porque creo que se está facendo isto a propósito.

Cando fala vostede dun atraso a propósito, dío porque ela está no Partido Popular e vostede en SAL?

A min paréceme que detrás do polígono hai algún capricho parvo por parte da alcaldesa e non pode habelo. A iso fai referencia nos medios de comunicación cando di que se montou SAL a propósito para impulsar o polígono cando en realidade SAL xurdiu por unha desfeita que houbo no PP. Un alcalde non pode ter caprichos que poden danar a moita xente.

Moita xente pode pensar que a situación está enquistada pola súa parte debido tamén a unha cuestión política e persoal.

Eu non son SAL, e quero recalcar isto. SAL é moita xente. Eu creo na política e non creo nas revanchas persoais para facer política, pero teño dereito a defenderme. SAL non ten nada que ver co polígono. É un partido onde confluiu xente de moitas ideas e agora mesmo só hai dúas persoas que pertenceran ó Partido Popular: Francisco Villaverde, que xa está un pouco retirado, e eu, que ó mellor estou un pouco máis activo, pero nada máis.

A xunta de compensación do polígono non vai denunciar á alcaldesa. Iso reforza a sensación de que isto é un tema persoal seu.

Nestes momentos a xente non está para pleitos porque é un gasto de cartos. Pero eu teño o deber e a obriga cando creo que hai un tema persoal cara a min e que está danando a todos.

Que lle diría a tódolos propietarios do polígono, ós ‘xuntacompensantes’, que asisten atónitos a este proceso?

O único que lles podo pedir son desculpas por este bochorno que se está vivindo. Pero tamén creo que dende dous anos para atrás nós non somos responsables porque o Concello non está facendo nada e non está defendendo o polígono como é debido.

O Concello di que non pode recepcionar o parque porque non está listo.

Pode recibir o parque parcialmente e non sei por que non o pode recibir se está utilizando as súas parcelas desde hai moito tempo. Por que non se pode recibir este parcialmente e outros si, como o de Barro-Meis?

Están pendentes as liñas de electricidade, por exemplo.

Se lemos o convenio que se firmou con Unión Fenosa vemos que xa podía haber luz no polígono para o 60%.

Fala da responsabilidade do Concello de dous anos para aquí, pero o polígono leva dez anos de tramitación. De quen é a culpa deste fracaso?

Dez anos de tramitación, non. O Plan Xeral foi aprobado no 2003 e tiñamos un ano para facer a xunta de compensación. Iniciouse no 2004. Eran 784 parcelas e máis de 300 propietarios. Chegouse á unanimidade dos propietarios para desenvolver o plan parcial e o proxecto de compensación. Ata 2007 o polígono foi a cousa máis rápida que puido haber. E se non, miramos como está o polígono de Fragamoreira (Poio) ou otros como a Plisan. Foi meteórico. En 2007 estaba impoluto. Faltábanlle dúas cousas: conexión definitiva á rede de sumidoiros a Dena e a subestación. Aí comezaron os atrasos. Tardaron en conceder licenza á subestación e non hai que esquecer a polémica polo enlace coa autovía... Son problemas alleos a nós sempre. En 2010 o POL afectou ó parque en tres cuartas partes, o que implicou outra alegación. Unha ‘xuntacompensante’ puxo un contencioso ó Concello...

Falaba do acceso ó polígono. Por que tivo que facer o Concello fronte a un gasto para dar acceso a un parque empresarial de promoción privada?

É un sistema xeral viario e o Concello pagou a súa parte, como viña recollido no plan económico e financeiro do PXOM. Nós non podemos tocar ese sistema xeral. Outra cousa é que vendan ese sistema xeral como un acceso ó polígono.

O enlace da autovía faise polo polígono, non por outra cousa.

Forma parte do sistema xeral viario que enlaza a Vilalonga e así está marcado no PXOM.

Ten solución o polígono, agora que parece máis atascado que nunca?

Ten solución e en tempo récord. O que ten que haber é vontade política. A subestación eléctrica, por exemplo, ten licenza desde o ano 2009 e agora resulta que fai falta unha autorización de Augas de Galicia. E antes non? Que non nos tomen o pelo, que nos digan a verdade.

Teríase metido en toda esta historia se soubese que isto ía rematar así?

Non. Para nada. Os veciños viñeron a xunto de min cando se soubo que o polígono ía facerse en Nantes e que se podía producir unha expropiación. Dixéronme que ía ser unha ruína para a parroquia porque podían pagar a seis euros o metro cadrado. Fixemos a alegación co 75% dos propietarios para facelo por compensación e eu decidín quedar fóra da lista de Telmo Martín en 2003 para desenvolver este parque porque para min era esencial. Eu non podía levantar a man e que se lle expropiase o terreo á xente, porque eu vivo nesta parroquia e non me podía permitir ese luxo.

EFECTOS DA RECESIÓN

A realidade é que o parque empresarial estará listo nun momento de recesión económica e con poucas empresas con capacidade para instalarse.

Ese é o problema, e ademais hai outra cuestión a maiores que é moi triste. De 114 'xuntacompensantes', na asemblea de hai unha semana había 41. Por que? Porque por desgraza a día de hoxe moitas parcelas que antes eran de 'xuntacompensantes' agora son dos bancos. É tan triste que se eu fose alcalde do meu pobo e tivese o polígono así, con todo o investimento que se fixo e cos terreos a disposición, daríame para chorar tódolos días, cando temos unha necesidade tan grande. Fales con quen fales en Sanxenxo, todo o mundo ve no polígono a solución para que o municipio tome un forte impulso.

Comentarios