''Un de cada dez lectores homes do Diario é daltónico''

É fisico, investigador, divulgador científico e unha das caras máis coñecidas da TVG. Hai pouca xente que non coñeza xa a Jorge Mira en Galicia, pero si que se sorprenden cando oen da súa propia boca que padece daltonismo. É posible, logo, chegar tan lonxe con esta limitación visual?

Como soubo que padecía daltonismo?

Foi aos 16 anos e non foi algo dramático, porque o daltónico que nace non é consciente do que lle pasa. No meu caso foi no antigo Bacharelato, na asignatura de Filosofía, en terceiro de BUP. Tratábase un tema de percepción e o profesor trouxo unhas láminas de detección de daltonismo.

E antes nada? Nin sequera en Primaria? cando o material escolar se caracteriza, precisamente, polas súas cores...

Pois supoño que me confundiría ou poría as cousas coma os compañeiros. De feito, vexo ás veces debuxiños de cando era neno e facía moitísimas raias, en plan ‘destroyer’. Por exemplo, nos mapas de cores te perdes; o que te salva son os bordes negros.

Que tipo de daltonismo é o seu?

O meu daltonismo é o que leva a que non haxa diferenzas de percepción de cores na zona entre o vermello e o verde. Eu vexo moitas cores, pero o problema xurde cando se aproximan. Hai un punto no que a miña agudeza é menor e ti verás cores distintas que a min me parecerán iguais.

Este é o daltonismo clásico...

Si, e é conxénito. É un estigma da condición de home, porque o cromosoma masculino é unha deformación do feminino, somos unha cousa vida a menos. O cromosoma X é o que contén a información da visión do vermello e do verde. Para as mulleres hai menos probabilidades de ser daltónicas, porque teñen un par formado por XX, mentres que os homes por XY. Se o defecto está nun dos cromosomas X, elas dispoñen do outro X para tapar o fallo. Nós non: o cromosoma Y non vale aquí para nada.

Os seus fillos o herdarán?

As miñas fillas. E só se o teñen tamén no cromosoma X da miña muller.

Como reaccionou ese día na clase de Filosofía?

Quedei fundido durante varios días. Sínteste coma un minusválido sen selo. Non entendes moitas cousas. Preocúpaste por moitas cousas. E como xa coñeces a proba, o que antes non era perceptible comeza a selo, e buscas cousas nas que vas errar. Pregúntaslle ao compañeiro e cando che di como son as cousas... é terrible.

Ademais en plena adolescencia...

Si. Nunha idade na que eres megasensible. Pensabas que ata non ías gustar por iso.

Chegou a sentir vergoña?

Non, iso si que non. Nese aspecto sempre fun botado para adiante. De feito conteino aos catro ventos, de aí que conten comigo para os actos de Santiago. Tes que vivir con isto, porque non ten cura, non é coma o miope, que se pon gafas e xa está.

Como lle afectou á súa vida persoal?

Pouco. Por exemplo nas prácticas de laboratorio, nas que hai que distinguir cores, pregúntaslle a outro porque non tes capacidade de ver iso en concreto. É coma se tes un compañeiro miope que non ve a pizarra. É moi fácil vivir con isto.

E os semáforos? Son un problema?

Véxoos perfectamente. Distingo o vermello do verde claros. É só cando se empezan a aproximar.

En que lle axudou a súa condición de físico?

Está claro que a entender mellor o problema. Moitas persoas morrerán sen darse conta. Un de cada dez lectores homes de Diario de Pontevedra é daltónico e non o sabe, porque non están dispostos a mapas, por exemplo. No meu caso en concreto, igual me beneficiou porque dise que os daltónicos temos máis capacidade para o razoamento matemático e abstracto, porque vemos máis as figuras e as formas das cousas e nos distraemos menos coas cores. De feito, o termo daltonismo vén de Dalton, un físico e matemático inglés.

Comentarios