Un derbi con un sabor muy gallego

O derbi de hoxe, como nas últimas ocasións, volverá ter un arrecendo galego moi especial. O Celta achega doce xogadores con selo de Galicia e o Deportivo tres, para un total de quince, dos que sete contan con opcións reais de ser titulares. Nas filas viguesas están Sergio Álvarez, Rubén Blanco, Hugo Mallo, Jonny, Lago, Túñez, Álex López, Borja Oubiña, Vila, Toni e Iago Aspas, ademais do canteirán Santi Mina, que xa debutou. Nas coruñesas, dirixidas tamén por un galego, Fernando Vázquez, hai outros tres xogadores da comunidade: Insua, Álex Bergantiños e Juan Domínguez.

De todos eles, sete parten con opcións de ser titulares: Jonny, Lago, Túñez, Oubiña e Aspas, nun Celta que ten a baixa de dous fixos galegos como son Hugo Mallo e Álex López, e Álex Bergantiños e Insua no Deportivo. Precisamente o caso do central branquiazul é a maior incógnita que manexa Fernando Vázquez para confeccionar o seu once. No Camp Nou rendiu a bo nivel con Aythami no eixo da retagarda, pero Marchena xa está dispoñible de novo.

Ademais, con respecto aos equipos que se enfrontaron na primeira volta hai dúas ausencias, a de Dani Abalo, cedido ao Beiramar luso, polos celestes, e a de Seoane, que os branquiazuis emprestaron ao Córdoba.

Pero a presenza galaica no derbi tamén chegará aos bancos despois de moito tempo. O Dépor non estaba dirixido nun derbi por un adestrador galego desde a tempada 97/98, na que o coruñés José Manuel Corral ocupou o banco tras a destitución do brasileiro Carlos Alberto Silva. No Celta, pola súa banda, o último técnico nado en Galicia que estivo no máximo duelo da comunidade foi no curso 06/07 Fernando Vázquez, hoxe na beirarrúa contraria.

¿O ÚLTIMO DE VALERÓN?

Non é galego, pero Valerón xa se considera patrimonio coruñés tras 13 tempadas no Dépor. Hoxe podería xogar o seu último derbi, se é que a final de tempada o canario decide colgar as botas.

Comentarios