miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Un emprendedor comprometido co seu país e o seu tempo

Ao longo da década dos 50 do século pasado, Valentín Paz Andrade desenvolveu unha intensa actividade orientada á consolidación dun tecido industrial e empresarial en Galicia, sempre tendo a Vigo como centro de referencia, xa que el consideraba a nosa cidade o motor económico do país.

Comisionado pola FAO, impartiu cursos e seminarios sobre economía pesqueira en Suramérica, onde mantivo contactos co exilio galego. Desa época tamén é a súa obra Galicia como tarea (1957).

Proxectos
En coherencia coas ideas de-senvolvidas nesa obra, Valentín Paz Andrade promoveu a creación de empresas que servisen para dinamizar a economía galega. Nese sentido, participou xunto co empresario de orixe galega radicado en Portugal Manuel Cordo Boullosa na tentativa frustrada de instalar en Vigo unha refinería de petróleo, que sería daquela a terceira que se abrise en España despois das de Tenerife e Cartaxena.

Outro dos proxectos nos que se implicou e que tampouco chegou a callar foi a creación dun banco industrial na Galicia meridional para procurar reinvestir o aforro galego. “Mentres os fondos de aforro voluntario non sexan utilizados con prioridade na promoción do desenvolvemento industrial, localizado en Galicia, non será desterrada a tradición do estancamento”. (Xan Carballa: Biografía de Valentín Paz Andrade. Editorial Galaxia).

Por outra banda, e con mellor fortuna, foi quen de persuadir o empresario José Fernández López da conveniencia de fundar unha compañía armadora de buques conxeladores: Pescanova, que axiña se convertería con éxito na primeira empresa europea do sector.

O industrial de orixe luguesa José Fernández, que tiña experiencia en diversos sectores como o cárnico (Frigsa), o químico (Zeltia) ou os transportes (Transfesa), soubo emprender un camiño independente a partir da década dos 50 e, asesorado en todo momento por Valentín Paz Andrade, crea no ano 1960 Pescanova co albo de ir pescar aos afastados caladoi-ros da Arxentina e de Suráfrica, principiando unha nova xeira na industria pesqueira.

Labor na pesca
Así lle explicaba o propio Paz Andrade a Tucho Calvo as consecuencias que tiña o desfase tecnolóxico da pesca galega fronte aos buques conxeladores alemáns ou británicos con anterioridade á creación de Pescanova: “Como as bodegas non tiñan outro sistema de refrixeración que o do sal e xeo trillados, os navíos non tiñan radio para grandes desprazamentos. Os maiores chegaban a Groenlandia ou Terranova, por dedicarse ao bacallau, presalgado a bordo. Os demais arrastreiros de fondo non saían dos mesmos caladoiros –mar Céltico, África Noroccidental, Leixoes, plataforma galega…–. E cada maré viña sendo de menos rendibilidade que a anterior, aínda con carburante barato. Convén dar conta de semellante situación, non soamente polo fallo no que tal política incorreu e o seu tosco apriorismo. Máis ben como antecedente da renovación e revolución do sector, que eu axudei a provocar e que comezaría na década dos sesenta”. (Tucho Calvo: Valentín Paz-Andrade, a memoria do século. Edicións do Castro). 

AS ORIXES DE PESCANOVA

A IDEA DE CREAR  a empresa  parte de José Fernández, coa colaboración de Paz Andrade, experto en temas de pesca e especialista en Dereito Marítimo Internacional. 

En Pescanova, crea-da o día 23 de xuño do ano 1960, tamén participaron Álvaro Xil, Carlos Barreras, Román Fernández Davila e Víctor Moro.

A denominación da compañía e a dos barcos, bautizados con nomes que evocaban castelos galegos, foi unha achega de Valentín. O primeiro buque de Pescanova foi o Lemos.

Un emprendedor comprometido co seu país e o seu tempo
Comentarios
ç