Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

Un grupo de veciños de Marín ofrécese para dar vida a un Museo do Mar

Os veciños promotores da iniciativa para que Marín teña un museo do mar
Os veciños promotores da iniciativa para que Marín teña un museo do mar
A Biblioteca Municipal acolleu unha xuntanza da que resultou unha plataforma veciñal que pretende facer forza sobre o Concello para dotar á vila deste espazo museístico

Marín ten nome de mar e está habitado por xentes mariñeiras, que viviron del durante xeracións e que gardan na memoria os anos que pasaron navegando e faenando. Agora, algunhas desas persoas queren sacar da soidade das súas lembranzas todo aquilo que experimentaron e compartilo coa veciñanza marinense, para que a vila poida establecer un novo nexo co mar, unha unión chea de experiencias, historias e obxectos.

Abandeirados por José Antonio Pérez Santiago, mariñeiro xubilado, un grupo de veciños pedíronlle este xoves ao Concello que se faga realidade o soño de todos eles: que Marín teña un Museo do Mar. Teñen todo preparado para abrilo, se fixera falta, hoxe mesmo. "Temos pezas dabondo e todo un proxecto pensado", comenta Pérez. "Só nos falta un local".

Xa teñen posto sobre a mesa a posibilidade de utilizar algunha infraestructura dispoñible, como por exemplo o edificio do Parque Azul de Cantodarea. "Cremos que alí estaría moi ben situado porque é unha zona pechada e está fronte ao mar".

As coleccións persoais dos promotores da iniciativa conformarían o material do Museo e propoñen situalo no edificio do Parque Azul



A xuntanza do xoves serviu para mostrar o que os promotores da iniciativa xa sabían de antemán: "Esta idea ten moito apoio popular, o que pasa é que facía falta alguén que dera un primeiro paso". Consideran que unha vila "tan mariñeira como Marín" debería poder ter un espazo adicado ao que foi, e segue a ser, un dos seus maiores motores económicos. Pero non só iso, senón que o mar "está dentro de todas as nosas casas", comenta unha veciña. Así pois, para eles é algo sentimental, de sabor salgado, de consistencia líquida.

EMPRAZAMENTO. Con respecto ó emprazamento, non están pechados a nada. O Parque Azul é só unha proposición, pero entenden que debería ser un sitio pechado. O porque radica na súa intención de crear un museo vivo e en permanente contacto cos centros educativos, de tal maneira que os rapaces da vila puideran visitalo non só para ser meros espectadores das pezas expostas senón tamén para participar en "obradoiros cos que ensinarlles a facer nós", exemplifica o mariñeiro.

Houbo un primeiro intento de crear un museo adicado ao mundo mariñeiro e á maxia do mar no local municipal que hai fronte á praia de Portocelo. Esta iniciativa solicitouse durante a tramitación do segundo Plan Arela, pero, finalmente, quedou en papel mollado.

Sen ser un museo, pero en relación ca tradición marítima, no pasado celebrábase a Festa da Canción Mariñeira, que despois de tres anos de vida desapareceu, deixando ao gremio mareante sen unha data propia na que festexar a súa cultura.

"O Grove, Bueu, Vigo... Todos teñen o seu propio Museo do Mar, por que non o vai ter Marín?", pregúntanse. Pode que, agora, postas as primeiras areas do camiño, a vila marinense se incorpore a esa listaxe de municipios nos que o mar ten o seu propio espazo expositivo.

"Xa que nós, que vivimos del, non o podemos nin ver desde a rúa, polo menos darlle un museo", sentencia unha das promotoras.


Un grupo de veciños de Marín ofrécese para dar vida a un Museo do Mar