Un apaso atrás, dous adiante

O Kremlin prega o entrecello. O intercambio de expulsións de diplomáticos entre a OTAN e Moscova, as denuncias do presidente Saakashvili sobre a implicación rusa nun suposto golpe militar frustrado polas autoridades de Tblisi, os exercicios da OTAN en Xeorxia e, sobre todo, o impulso dado á asociación entre a UE e seis ex repúblicas soviéticas nunha faixa que vai dende Europa oriental ata a Transcausasia, conforman un novo panorama sombrío para restablecer a boa sintonía entre Occidente e Rusia.

O que en Bruxelas denominan "Asociación Oriental" abre outra fenda considerable no marco de seguridade e cooperación política ideado para a súa tradicional "zona de influencia". Sorprende especialmente a inclusión neste grupo de Armenia e Bielorrusia, dous socios estratéxicos cos que manten importantes lazos militares, politicos e económicos. O proxecto europeo implica unha acción de alcance para instar unha separación definitiva entre estes países e Rusia, aínda que está por ver que Bruxelas teña éxito no seu empeño habida conta das enormes limitacións da súa política exterior. Pero Moscova toma nota dos desafíos ante a progresiva perda de influencia no seu entorno nas últimas décadas. Rusia vive como unha afrenta a crecente penetración de Occidente no seu estranxeiro próximo, circunstancia que lle obriga a dicir adeus a moitas ambicións xeopolíticas, cada vez mais mermadas na súa zona "reservada".

Esta longa ringleira de desencontros ameaza seriamente a posibilidade de mellorar as relacións entre Moscova e Bruxelas. Dende a guerra de agosto en Xeorxia, os avances normalizadores no diálogo bilateral viñan sendo escasos pero progresivos. Un paso atrás, dous adiante, semella a táctica occidental.

Por outra banda, as diverxencias ruso-estadounidense sobre o desarme nuclear son profundas e complicadas. A desmilitarización do espazo exterior e a defensa antimisil dificultan o entendemento. Coa asunción sucesiva dos novos presidentes ruso e estadounidense, os dous países retomaron un diálogo que abre novas oportunidades, pero para Rusia todo é desconfianza ante a firme intención occidental de multiplicar e reforzar a súa influencia para retirar os países da CEI da súa órbita. Moscova non quedará de brazos cruzados, pero a crecente fragmentación do espazo postsoviético e as limitacións da súa política de integración, suxiren considerables beneficios para a UE.

Comentarios