Un polbo por San Brais

Salcedo pechou este domingo os actos de celebración para honrar ó seu santo predilecto cunha misa, o reparto de 300 racións deste cefalópodo, un festival infantil de Entroido e o baile nocturno que o temporal obrigara a aprazar o día anterior

San Brais é sinónimo de festa en Salcedo. A parroquia pechou este domingo os actos de celebración en honra ó seu santo predilecto cunha xornada repleta de actividades relixiosas, gastronómicas e festivas. Un dos eventos máis destacados foi a Festa do Polbo, que xa vai pola décimo sexta edición, e onde este ano se repartiron unhas 300 racións deste cefalópodo. A receita, a de sempre: polbo á feira, que uns acompañaron cunha cunca de viño tinto e outros con cervexa.

"Houbo un ambiente moi bo e moi distendido durante toda a xornada", explicou a presidenta da Asociación de Veciños de Salcedo Norte, Mónica Lustres, que agradeceu a presenza de políticos locais nesta festa. Entre os asistentes había concelleiros do Partido Popular e de Ciudadanos e membros de Marea Pontevedra.

A ameaza de chuvia mantívose durante todo o día. E a pesares da previsión de mal tempo, San Brais puido pasear pola parroquia na procesión que tivo lugar despois dunha das misas da mañá. Ademais dos actos litúrxicos, a tirada de foguetes e o pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Chichisos amenizaron a xornada.

A comisión de festas organizou tamén un festival infantil de Entroido, no que estaba previsto o sorteo de agasallos entre as nenas e nenos mellor disfrazados.

MAL DE GORXA. Os actos de homenaxe a San Brais concluíron co baile nocturno que a organización tivera que suspender o día anterior por causa das malas condicións meteorolóxicas. A verbena do Entroido do sábado tiña en cartel a dous grupos musicais: Sabor Latino e Calibre.

Salcedo finalizou este domingo cinco días de festa, que tiveron lugar o 31 de xaneiro e os días 3, 5, 6 e 7 de febreiro, nos que houbo tempo para o deporte (coa oitava edición da Carreira Popular de San Brais) e para pedirlle favores a un santo ó que os feligreses acuden para que lles cure o mal de gorxa.

Comentarios