Un proxecto da Universidade de Vigo busca propulsar a economía do Concello

Félix Juncal e Xavier Simón (segundo e terceiro pola esq., respectivamente) durante a firma do convenio (Foto: Ángeles Pazos)
photo_camera Félix Juncal e Xavier Simón (segundo e terceiro pola esq., respectivamente) durante a firma do convenio (Foto: Ángeles Pazos)

BUEU. A Universidade de Vigo (UVigo) e o Concello de Bueu firmaron onte un convenio para a realización dun estudo dos recursos naturais e persoais da vila coa finalidade de diagnosticar o panorama socio-económico do municipio e promover novas vías de emprendemento e emprego para os seus cidadáns.

O estudo será levado a cabo polo equipo de investigación 'Economía ecolóxica e agroecoloxía' da UVigo, formado por Xavier Simón, Damián Copena e Paul Swagemakers. O proxecto conta con 21.075 euros de investimento municipal e está previsto que estea rematado no prazo dun ano. O estudo divídese en dúas fases: a primeira será de diagnóstico das posibilidades económicas da vila, e a segunda conlevará a creación de liñas de acción para fomentar novas empresas e máis postos de traballo.

O alcalde buenense, Félix Juncal, explicou onte no momento da sinatura do convenio que este terá que cumprir tres puntos. O primeiro é que "deberá basearse no que somos como pobo, tendo en conta os nosos recursos, a nosa historia, patrimonio e cultura". En segundo lugar, Juncal citou a perda do 'modus vivendi' tradicional, polo que abogou pola recuperación de oficios tradicionais e de produtos e formas de comercialización máis artesás. Por último, o rexedor enfatizou que neste estudo sobre Bueu a Illa de Ons supón "a xoia da coroa", un espazo que hai que preservar pola súa biodiversidade natural, pero tamén "aproveitar a oportunidade que nos brinda".

Félix Juncal fixo fincapé tamén en que se trata do momento "idóneo" para realizar este tipo de estudo con posterior plan de acción xa que "o futuro e a forma de afrontalo pasa por crer nas propias condicións", asegurou, rexeitando así o foráneo.

Tanto o alcalde buenense como o responsable do equipo de investigación, Xavier Simón, recalcaron que a finalidade principal deste plan conxunto é a posta en práctica de novas liñas de acción económica, non só o seu estudo, de xeito que os resultados "non queden só nos papeis".

Comentarios