Unha primeira edición para sentar as bases do futuro

Un salón de referencia na cidade da mobilidade

Móvete, o Salón da Mobilidade e do Motor de Galicia, busca converterse nun referente na comunidade autónoma, polo que non existe mellor cidade para acoller a primeira edición deste evento que Pontevedra, a vila cuxo modelo é premiado acotío a nivel internacional

O Recinto Feiral de Pontevedra acolle esta fin de semana a primeira edición de Móvete, o Salón da Mobilidade e do Motor de Galicia, organizado por Diario de Pontevedra coa colaboración do Concello.

Non existe mellor vila para acoller a primeira cita deste evento que busca converterse nun referente a nivel galego, xa que non hai na actualidade outro evento destas características na comunidade autónoma. Pontevedra pasou a ser nos últimas anos na cidade da mobilidade por excelencia.

Dende finais dos anos noventa a cidade foi experimentando un cambio urbanístico progresivo e amable que contou co respaldo social dunha gran maioría. Dita reforma guíase por un concepto de cidade no que o ser humano e as súas actividades son os absolutos protagonistas da vida cidadá.

Pontevedra foi unha das primeiras cidades que apostou polas chamadas vías de coexistencia, nas que o tráfico rodado convive con peóns, bicicletas e outros usuarios dos lugares públicos nunha mesma plataforma. De feito, destaca a orde de prioridades establecida no uso dos camiños, que é a de peóns, bicicletas, motos e coches. O seu deseño, que pouco a pouco se foi adaptando ás necesidades dos seus concidadáns, permite que máis persoas saian ás rúas a pasear sen ter que preocuparse en exceso polos coches e demais vehículos de motor.

Nos últimos anos o tráfico rodado en Pontevedra diminuíu entre un 30 e un 70 por cento segundo as zonas da cidade

O Consistorio pontevedrés desenvolveu ademais nos últimos anos diferentes proxectos que fixeron que a cidade de Pontevedra se convertese nun referente en cuestións de mobilidade. Entre eles destaca o Metrominuto, un mapa que mostra a distancia e o tempo que se tarda en percorrer o espazo entre diferentes puntos de interese da cidade a pé; o Pasominuto, un guieiro para as persoas que dedican parte do seu tempo a camiñar co obxectivo de manterse activas e saudables ou os chamados Camiños Escolares, iniciativa que anima a nenos e nenas a ir camiñando sós á escola.

Así, nos últimos tempos o espazo de rúas e prazas adicadas a peóns e ciclistas aumentou nun 60 por cento, implantáronse 40 quilómetros de sendas para viandantes e bicis nos bordes dos ríos e da ría, plantáronse 400.000 árbores no centro e a súa contorna e diminuíu o tráfico rodado entre un 30 e un 70% segundo as zonas da cidade. Ademais, debido ao límite de 30 quilómetros por hora en toda a área urbana, o número de atropelos viuse reducido de forma considerable.

URBE HUMANIZADA. Pontevedra é unha cidade cuns plans urbanísticos que chaman a atención de organismos tan importantes a nivel internacional como a ONU. Unha cidade centrada nas persoas, así aparecía Pontevedra en Dubai, onde se recoñecía o modelo urbano peonil como algo que, ademais de mellorar a vida das persoas, é sostible e ten un grande impacto positivo.

Ademais, a reforma urbana persegue unha cidade guiada pola accesibilidade universal. Por iso, ten en conta, sobre todo, as necesidades de mobilidade das persoas que máis dificultades teñen, xa sexa por utilizar cadeiras de rodas ou outros elementos, pola súa idade, porque utilizan carriños de bebés, ou por diversas razóns. Deseñando a cidade para eles, conseguiuse un modelo apto tamén para o resto da cidadanía, facendo de Pontevedra unha cidade para todos e todas. Unha cidade baseada no que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores define, con cinco claves fundamentais: "Compacta, peonil, segura, accesible e de calidade".

Comentarios