Un Serán contra a desmemoria en Marín

A Asociación Pousos da Area celebrou esta tradicional xuntanza na que se busca recuperar os valores tradicionais do folclore galego
Nenos e maiores compartiron unha xuntanza que, a pesar da chuvia, refuxiouse no interior do Multiusos da Praza de Abastos.
photo_camera Nenos e maiores compartiron unha xuntanza que, a pesar da chuvia, refuxiouse no interior do Multiusos da Praza de Abastos.

Por desgraza, as tradicións, moitas veces, escorregan polo tempo e acaban desembocando no mar do olvido. O cambio de hábitos nos pobos, a fuxida do rural ás cidades ou o paso dun mundo colectivo a outro cada vez máis individualista provoca que algunhas das costumes máis arraigadas da nosa cultura desaparezan.

Mais hai persoas que non se conforman, que se plantan ante a desmemoria e traen ata os nosos días as formas de lecer típicas de tempos pasados. É o caso dos promotores da Asociación Pousos da Area, que celebrou na xornada deste sábado un serán como os que se vivían no Marín de hai cen anos.

As rúas da vila marinense convertíronse nunha reunión á antiga, nun punto de encontro dos veciños, sendo fieis ao significado da verba ‘serán’, un momento de lecer para sobrelevar as duras xornadas de traballo.


Na súa cuarta edición, esta iniciativa demostrou que modernidade e tradición poder producir unha simbiose perfecta e lúdica


Tal e como era costume cando se facían, tanto mozos como maiores se congregaron no Multiusos da Praza de Abastos. A localización si que é moderna, pois noutras épocas o seráns celebrábanse nas parroquias do interior do municipio.

Os veciños marinense puideron disfrutar desde media tarde da artesanía que se colocou na Alameda, así como dos xogos populares e do mellor da nosa gastronomía: orella, chocolate, rosca e queimada. Unha boa forma de quentar o corpo, preparándoo para a Chamada ao Serán, que invitou a ritmo das gaitas e dos sons da nosa terra a todos os alí congregados a xuntarse para comezar o baile.

Este foi o cuarto ano no que se celebrou a recuperación desta tradición tan galega. Pero a labor de Pousos da Area non remata aí. O seu principal obxetivo é a recompilación e difusión do folclore galego.

E como nada se pode difundir sen antes coñecelo a fondo, os membros da asociación levan a cabo profundas investigacións de campo, indo de casa en casa, petando de porta en porta, para escoitar de viva voz daqueles que o viviron como eran eses seráns, eses bailes, eses cantes. Esa forma tan galega de celebrar a vida, de compartir o espazo natural, de facer arte ca voz e os instrumentos e de facer grande e brilante a identidade dos nosos pobos.

Comentarios