Un sistema antikamikazes para autoestradas triunfa en Galiciencia 2013

PON2311P61F1.JPG
photo_camera PON2311P61F1.JPG

OURENSE. O sistema antikamikazes para autoestradas presentado en Galiciencia 2013 foi o gañador absoluto do certame, no que competiron 50 equipos de estudantes de toda Galicia e tamén de Barcelona. Este proxecto, que foi o vencedor na categoría de 2º ciclo da ESO, impúxose en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas categorías de 1º ciclo da ESO e Bacharelato.

O equipo protagonista, integrado por Xosé Lois Chorén e Unai Ansedes, do IES Xoán Montes (Lugo), presentou un proxecto de seguridade viaria que foi destacado de xeito unánime polo xurado.

O sistema de alerta de acceso en contrasentido en autoestrada é unha proposta que, segundo os seus creadores, podería ser implantada en toda a rede viaria cun custo moi asequible. O obxectivo é avisar aos condutores que accedan por sentido contrario a unha autoestrada por erro, despiste ou deficiente sinalización vertical. Consiste no repintado das liñas brancas actualmente existentes no firme con pintura fotoluminiscente e en relevo (para producir sonoridade). A nova pintura fará que as liñas se vexan de cor branco no sentido correcto da marcha, pero se se entrara en dirección contraria veríase de cor vermella xa desde o mesmo punto de intersección desde a estrada de acceso.

máis premios. Os gañadores na categoría de 1º ciclo da ESO, Marieta Orol e Carlos López, do Centro Educativo Galén, tamén de Lugo, presentaron un completo proxecto nun stand que chamou a atención dos visitantes pola súa excelente presentación. Os alumnos realizaron unha investigación do seu contorno para identificar e recoller plantas das que poder extraer aceites esenciais co obxectivo de elaborar un perfume ecolóxico que todos os que pasaron pola Galiciencia puideron ulir. O proxecto inclúe a planificación económica de custos e prezo, a parte artística de elaboración dunha etiqueta, a parte creativa e lingüística da campaña de marketing e publicidade, a parte tecnolóxica de materiais e ferramentas, e todo isto cun obxectivo solidario como é a colaboración cunha ONG.

Na categoría de Bacharelato a triunfadora foi Alba Fernández, do IES Julio Prieto Nespereira (Ourense), co seu respaldo intelixente. Moitos sentáronse no seu prototipo de cadeira para comprobar como, ante unha postura inadecuada das costas, se acendían os pilotos luminosos de alerta. Segundo a inventora, o seguinte paso é incorporar unha alerta de sonido. Dado que o seu traballo oriéntase sobre todo a centros escolares, a súa idea é que o sonido se emita nunha frecuencia moi baixa que os adultos non perciben, pero si os máis novos. Os gañadores levaron un smartphone que no caso do primeiro premio completouse co financiamento da viaxe á Exporecerca.

Comentarios