Jimmy traballa co grupo

O Pontevedra de Luisito sofre o peor comezo de Liga da súa historia

O equipo sofre o peor comezo desde que Luisito dirixe o equipo ► O principal problema do actual conxunto é á gran cantidade de goles que leva encaixados
Os xogadores do Pontevedra levando unha portería durante un adestramento
photo_camera Os xogadores do Pontevedra levando unha portería durante un adestramento

O Pontevedra de Luisito nunca tardara tanto en camiñar. O equipo granate vive o peor inicio de Liga desde que o adestrador teense está ao mando. Nas temporadas anteriores nunca colleitara tan poucos puntos nin encaixara tantos goles no primeiro tercio.

Despois de 13 xornadas, o Pontevedra ocupa a decimocuarta posición, con 14 puntos e 19 dianas en contra, algo que sorprende ao propio preparador teense e que non responde ao perfil das escadras de Luisito, habituadas e recibir poucos tantos. Os datos contrastan cos de anteriores exercicios. Hai un ano o Pontevedra ocupaba o cuarto lugar e tiña case o dobre de puntos (26) e menos da metade dos tantos encaixados (8). Hai dous anos, era quinto. Sumara 22 puntos e metéranlle 12 dianas. O acerto de cara á porta foi case o mesmo nos tres exercicios.

O bloque da cidade do Lérez deberá afianzar os aspectos ofensivos e mellorar nos defensivos para volver ser competitivo e ofrecer a súa mellor cara no treito final da primeira volta.

Canto aos demais contendentes, a clasificación actual da Segunda División B ofrece un líder sólido. Niso non é diferente aos dous cursos precedentes: a Cultural Leonesa o pasado curso, o Racing de Ferrol hai dous e o Fuenlabrada no actual son líderes firmes no comezo da Liga.

Comentarios