Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

A obra dos humoristas gráficos galegos, en libro

Félix Caballero coordina 'O humor en cadriños', onde teñen un gran protagonismo Santy Gutiérrez, Kiko da Silva e Luís Davila

No medio dos artigos de opinión deste xoves en Diario de Pontevedra e El Progreso aparece a viñeta diaria do debuxante e humorista gráfico Santy Gutiérrez. Dous rapaces ollan un escaparate cheo de televisións nas que aparece o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cunha gorra na que se pode ler: "Make Spain great again" ("Fagamos a España grande outra vez"). "Agora si que gaña Puigdemont", din os mozos.

Santy Gutiérrez é un dos autores que protagonizan a segunda parte do traballo O humor en cadriños, que coordina o xornalista Félix Caballero e que publica Edicións Morgante (selo dependente de Rinoceronte). Xunto a el están o vigués afincado en Pontevedra Kiko da Silva, director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, e o pontevedrés afincado en Bueu Luís Davila. Completan a nómina de autores desta segunda parte Pinto & Chinto, Leandro e Meixide.

"Cando saíu en 2012 o primeiro libro de O humor en cadriños, que reunía conversas con debuxantes dunha xeración anterior a esta [en concreto, con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro], quedei xa coas ganas de facer outro cos que viñeron detrás deles e que hoxe xa son os humoristas que aparecen nos xornais", explica Caballero, que aprezaba nalgúns daqueles un interese manifesto por entroncar coa tradición gráfica galega, que hoxe deu paso a un carácter máis internacional do debuxo.

Félix Caballero Coordinador da obra
"Houbo un retroceso claro no tratamento que recibe o humor gráfico nos xornais. Non se aposta por el nin se lle dá espazo
"

Os sete autores que aparecen no novo volume reflexionan co xornalista sobre a natureza do seu oficio e sobre as dificultades do humor gráfico galego na era de Internet, entre outras cousas.

Para o coordinador da obra é especialmente interesante, "ou se queres, oportuna", a publicación deste libro. Porque, segundo di, o momento é malo para o humor gráfico na prensa. "En realidade é malo para a prensa en xeral". E para o humor tamén en xeral. "Tamén, tamén, pero para o gráfico en particular", indica. "Nos últimos anos, sobre todo a partir de 2007, cando comeza a crise, sofre unha involución nos medios. Se estivo sempre mal pagado, pasa a estalo especialmente. Aquel recoñecemento público e institucional que acadara nos anos 80 e 90 vira en todo o contrario. Nin os editores nin os directores apostan por el. Houbo un retroceso claro no tratamento que recibe o humor gráfico nos xornais. Non se lle dá o espazo que merece".

CENSURA. O humor en cadriños inclúe entrevistas con cada un dos autores, acompañadas por exemplos do seu traballo gráfico. "Precisamente o máis interesante das conversas é cando os debuxantes entran de cheo a falar deste retroceso na consideración social e empresarial do seu traballo ou da censura e da autocensura, que sempre houbo, pero que nos últimos anos medrou considerablemente".

Outro asunto interesante, que case constitúe un rasgo xeracional, é o da relación que teñen con Internet e coas redes sociais. Caballero concorda nunha imposición do politicamente correcto. "Por parte das empresas, por suposto, pero tamén por parte do público. Hoxe en día, a través das redes sociais, calquera se pode sentir ofendido e acadar unha enorme repercusión", di o xornalista.

Este tipo de problemas sacaron fóra dos medios aos debuxantes ou relegaron o seu traballo. Pepe Carreiro, que aparecía no primeiro Humor en cadriños, hai anos que non traballa na prensa diaria. "Se lle preguntas por que, dirache que porque non lle deixarían facer o que el quere". Neste segundo volume non traballan nin Kiko da Silva nin Leandro. "E non por casualidade. Non publican porque atoparon dificultades insalvables para facelo, dificultades de tipo económico, empresarial e de liberdade creativa. E é unha auténtica mágoa. Como tamén o é que alguén da calidade e da traxectoria de Xaquín Marín vexa o seu traballo relegado á páxinas de pasatempos".


DÚAS PROPOSTAS DE SANTY GUTIÉRREZ




VIÑETA DE KIKO DA SILVA



UN DOS TRABALLOS DE LUÍS DAVILA


A obra dos humoristas gráficos galegos, en libro
Comentarios