Unha caldeira de biomasa para os Xulgados de Marín

O edificio xudicial marinense xa dispón deste equipamento, que permitirá reducir á metade o coste do combustible que precisa
Edificio xudicial de Marín, que xa dispón da nova caldeira de biomasa
photo_camera Edificio xudicial de Marín, que xa dispón da nova caldeira de biomasa

O edificio de Xulgados de Marín xa conta cunha caldeira de biomasa para o funcionamento da calefacción durante a tempada de outono e inverno. A súa instalación forma parte dun proxecto máis amplo que incluíu os edificios xudiciais de Ortigueira, Xinzo de Limia e Mondoñedo e o administrativo do Barco de Valdeorras, impulsado pola Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Estas actuacións supoñen un investimento superior aos 200.000 euros, aínda que permitirán consolidar un aforro de máis de 33.000 euros ao ano en gasóleo, é dicir, en torno ao 50 por cento do seu consumo actual deste combustible, tal como sinalou o departamento que dirixe Alfonso Rueda.

Cabe sinalar que a Vicepresidencia da Xunta é a responsable do mantemento das infraestruturas xudiciais e dos complexos administrativos. No exercicio desta competencia está a promocionar a substitución daqueles equipamentos térmicos que empregan combustibles fósiles ineficientes e altamente contaminantes por novas fontes de enerxía.

Neste sentido, a actuación enmárcase na Estratexia Integral de Impulso da Biomasa 2014-2020, que está desenvolver o Goberno galego para incentivar o consumo práctico deste combustible autóctono, menos contaminante que permite colaborar ao desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia e á redución dos riscos de incendios forestais.

MOITOS BENEFICIARIOS. Esta medida, segundo indica a Xunta, ten múltiples beneficiarios. "Dunha banda, os empregados e usuarios dos edificios públicos, que contarán con caldeiras máis modernas e un aumento do grado de confort nas épocas de frío. Doutra, a propia Administración (e por extensión, a cidadanía), porque o combustible que empregan estes equipamentos térmicos supón un custe moito menor ao gasóleo. Ademais, tamén se ve beneficiada a sociedade galega no seu conxunto, xa que supón un pulo a un sector en expansión ao contribuír ao fortalecemento do sector industrial galego xerando emprego e previndo os incendios forestais", sinala a Vicepresidencia nun comunicado.

O ano pasado a Xunta xa instalara outras cinco caldeiras de biomasa nos xulgados de Becerreá, Chantada, Pobra de Trives, Ribeira e Tui cun investimento de preto de 200.000 euros e que están a xerar uns aforros anuais de en torno ao 47 por cento en combustible.

As novas caldeiras poderán comezar a funcionar en canto sexa necesaria a posta en marcha dos sistemas de calefacción en cada un dos edificios nos que se instalaron, de xeito que o aforro económico e a mellora nas prestacións será inmediato para a Administración e os empregados públicos e os usuarios, respectivamente.

A intención da Xunta é manter este tipo de actuacións no futuro para profundizar nas súas vantaxes para a sociedade galega.

Comentarios