Unha de mangantes e mentireiros

Compoñentes da murga Equipo Ja vestidos de bonecas Barbie. Á dereita, os rapaces de Os Goya son cousa de Artistas e as mulleres da Murga Femenina. david freire
photo_camera Compoñentes da murga Equipo Ja vestidos de bonecas Barbie. Á dereita, os rapaces de Os Goya son cousa de Artistas e as mulleres da Murga Femenina. david freire

PONTEVEDRA. Cinco murgas foron as que se enfrontaron onte no Pazo da Cultura de cara á gran final da XXIII edición do concurso, que terá lugar hoxe.

O Equipo Ja, Os Goya son cousa de Artistas, La Murga Femenina, Os PTV e Os Amoriños de Bora subiron ao escenario para poñer a caer dun burro a políticos, empresarios, Igrexa e Casa Real, entre outros.

Vestidos de bonecas Barbie, con caixas e todo, os membros do Equipo Ja foron os encargados de quentar ao público coas súas coplas ás colas do Inem, ao rei e a súa familia -tamén o seu «yerno mangante»-, ás mozas que mexan entre os coches, á invasión dos bazares chinos, ás mentiras de Rajoy e, como non, un broche de ouro adicado á concelleira de Festas, Carme da Silva, «con cara de cigala», e ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, «eres Supermán motorizado».

A murga máis nova, a de Os Goya son cousa de Artistas, entregou os seus particulares galardóns do cine: o Goya Incultural a Ana Botella, o de Parella do Ano aos duques de Palma, o de Honra ao alcalde Lores, o Revelación ao Papa ‘Paco’, o Popular a Mariano Rajoy e o Salvador a Gallardón. Ningún deles se librou das fortes críticas dos rapaces.

As mulleres da Murga Femenina escolleron o tema Pontevisión, inspirado no popular festival musical para as súas sátiras, que envolveron a varios ministros, especialmente a Gallardón pola reforma da lei do aborto: «Ya no puedo abortar, y como el niño salga mal no me van a ayudar».

Os de PTV reivindicaron a orixe poiense de Cristóbal Colón, atacaron a política e o deporte locais e ensañáronse cos casos de corrupción: «El ministro de Justicia a los jueces presiona con pericia y si no, los destierra como a Garzón».

O ‘multamóbil’, os crematorios e os recortes, entre outros, foron os temas dos cánticos dos Amoriños de Bora: «Louzán vai á radio a falar como se fora un mitin».

Comentarios