Unha estratexia galega para Brasil

Potencia emerxente, a importancia de Brasil vai en aumento en todos os dominios, dende a economía ou a innovación científica e tecnolóxica á política ou as relacións internacionais.

O impulso que o titular do Palacio de Planalto deu neste segundo mandato á súa proxección global nun contexto de quebra incuestionable dos paradigmas económicos clásicos resulta incuestionable.

Lula comeza a falar en pé de igualdade coas grandes potencias e o parecer de Brasil, comprometido coa busca dun sistema de gobernanza global máis equitativo e sustentable, vaise afirmando coma un referente da axenda internacional.

No rexional, todos os camiños pasan, directa ou indirectamente, por Brasilia, convertida nun xerador de políticas de integración que afianzan a maioría de idade dos países do área.

Galicia conta no Brasil cun peso relevante en determinados ámbitos. A nosa presenza económico-empresarial (instalada en sectores que van dende a pedra ao audiovisual), a nosa diáspora (a emprendedora e outras que non deben menosprezarse), os marcos institucionais preexistentes que concretan unha proximidade froito dunha relación singularizada e así admitida como tal por ambas partes, a influencia cultural e sentimental, son factores que abren perspectivas para unha cooperación estratéxica de gran calado nun mercado con grandes posibilidades de crecemento. Claro está, se somos quen de articular esas enerxías e proxectalas cun mínimo de xeito.

A aposta de Galicia en América Latina, tantas veces condicionada por ese rico distorsiónante que é o feito migratorio e as súas secuelas electorais, priorizou sempre Bos Aires e ata Montevideo fronte a outros espazos.

Consideracións doutro tipo, de maior alcance estratéxico e de gran potencialidade para Galicia, aconsellarían, non obstante, idear unha estratexia que tivese en conta esa forte significación de Brasil na relación bilateral.

O que habitualmente facemos é o contrario, como sinalaba xustamente hai un ano ante Touriño o presidente da Asociación de Empresarios galegos en Río de Janeiro, Daniel Carrera, quen falaba do 'efecto helicóptero', que todo o remove ao despegar para deixalo todo igual ao final.

É o que mellor se nos dá. Brasil debe ser un referente esencial da nosa estratexia exterior. É un asunto urxente que reclama políticas e instrumentos adecuados.

Comentarios