Unha homenaxe recoñece ós veciños que manteñen Os Xenerais do Ulla

A invasión do Exército napoleónico serve de base para unha celebración festiva. archivo
photo_camera A invasión do Exército napoleónico serve de base para unha celebración festiva. archivo

LALÍN. O Museo do Pobo Galego acolle hoxe, ás 11.00 horas, un acto de homenaxe ós veciños das parroquias onde se celebra o Entroido dos Xenerais da Ulla, que en setembro do ano pasado recibiu a declaración de Festa de Interese Turística por parte da Xunta de Galicia. O acto está organizado conxuntamente polos oito concellos onde ten lugar: A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Os alcaldes entregarán un galardón como recoñecemento polo traballo dos veciños dos seus respectivos concellos, xa que son eles os que manteñen vivo este particular xeito de celebrar o Entroido que se remonta ao século XIX e que conta cunha alta participación, que medra ano tras ano.

Os oito concellos comezaron a traballar conxuntamente na promoción do Entroido dos Xenerais da Ulla en novembro de 2011. O labor concretouse na sinatura dun protocolo de colaboración que tiña como obxectivo xenérico promocionar dun xeito unificado as diferentes celebracións que teñen lugar en distintas parroquias.

Con este cometido, elaborouse a web www.xeneraisdaulla.com e editouse material promocional, coa colaboración das deputacións da Coruña e Pontevedra.

Pero ademais, o protocolo de colaboración, que se asinou o 3 de febreiro de 2012 no Pazo de Raxoi, tiña como obxectivo concreto conseguir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, para o cal se elaborou un dossier sobre a celebración, que serviu como base para a obtención do recoñecemento. Este nomeamento logrouse despois de dous anos de traballo.

Continuidade

En 2014, primeiro ano no que a celebración será oficialmente Festa de Interese Turístico, os oito concellos continuarán colaborando para mellorar a organización e darlle unha maior promoción.

Unha destas accións de promoción será a presenza, por primeira vez, en Fitur. Outra será unha exposición fotográfica, composta por 63 imaxes cedidas por veciños, fotógrafos profesionais e entidades, que se poderá visitar no Museo do Pobo Galego dende hoxe.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos que se viviron: a invasión do Exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.

Os seus protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos.

A celebración ten as súas orixes na primeira métade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron

Comentarios