Unha noite solitaria no Hotel Malta

Non recordo terlle falado a ninguén de que Vázquez Montalbán se encerrou en vicilia nun museo de cera para contalo na Interviú

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O LUNS POLA NOITE estaba sentado nun café con Óscar. Liberaba un longo e pesaroso monólogo baseado na idea de que a chegada de Donald Trump ao poder aumentou as vendas de ‘1984’, a novela distópica de George Orwell. Fun interrumpido suavemente polo meu amigo. Quitou unha chave do peto e pousona sobre o metacrilato. Era tosca, debía de pesar medio lingote de ferro, e levaba un ‘M’ gravado na cabeza.

Explicoume que abría unha porta que estaba enfronte. Era un edificio abandonado, pero aínda conservaba un recordo da súa grandeza e da pintura da fachada. «Acordas que me contaras que Vázquez Montalbán pasou unha noite nun museo de cera?», preguntoume. Non acordaba, pero mentín. El desafioume: «Non te atreves a botar unha noite solitaria no Hotel Malta». «Por suposto que me atrevo!», volvín mentir. Como todos os que somos covardes, finxín unha valentía propia do Corto Maltés, o personaxe do cómic de Hugo Pratt. Pensei en que, se o pai do escritor bretón Chautebriand o obrigaba a durmir nunha cámara escura —que o rapaz comparaba cunha tumba— para fortalecer o seu espírito, debería someterme a unha disciplina semellante.

O Corto Maltés é un navegante solitario, calado e melancólico, que vivía para «buscar o ben alleo antes que o propio», que aseguraba Chautebriand. O pai de Chautebriand era tamén navegante, pero cruel e arroxado porque se enriqueceu traficando con escravos e practicando o corso.

Tras aceptar o desafío de durmir nun edificio abandonado vinme prendendo a luz do móbil para meter a chave no portón do Hotel Malta. Alumei unha entrada preciosa. Unha porta falsa tallada con estética modernista francesa e motivos decorativos árabes, tan queridas nos pequenos hoteis que rodean o porto maltés de La Valeta. Había un recibidor no que quedaran chaves de ferro e cartas sen entregar. Subín as escaleiras para percorrer o primeiro andar. Causaba o desencanto das cidades bombardeadas. Algúns tabiques presentaban fendas e as camas estaban cubertas de restos minúsculos de pintura, como se o teito sufrise de caspa. Os baños presentaban regueiros verdosos, parecía que a selva do Amazonas tivese marchado polos desaguadoiros. En cada estancia había unha cama, algunhas estaban aínda agardando a ser feitas, e nos armarios quedaban chaquetas e pantalóns dalgún mariñeiro co vicio de esquecer as cousas que non son importantes.

Volvín ás escaleiras e subín ao segundo andar. Nunha mesa de noite atopei unha tradución de 1850 de ‘Memorias de ultratumba’, o libro no que Chautebriand (1768-1848) conta a Historia de Francia durante a primeira metade do século XIX como testemuña —foi embaixador en Londres e Berlín, e ministro de Francia—. Tras acadar sona como defensor da relixión co libro ‘O xenio do cristianismo’, loitou como soldado no Exército dos Príncipes contra a República xurdida da Revolución Francesa, exiliouse como un miserable en Londres, loubou a Napoleón antes de que este se convertise nun ditador e advertiu os Borbóns: «Volvestes sen motivo aos vosos palacios, non vos ocupastes máis que de exhumacións e funerais, o tempo da vosa vida pasou». Viaxou a Estados Unidos en 1791 e quedou fascinado coa república alí establecida. Viviu os últimos días retirado nun apartamento de París en xullo de 1848. Unha nova revolución facía vibrar a rúa.

Chautebriand está enterrado na beira do mar bretón, nun illote de Saint Malo. Jean Paul Sartre foi visitalo cando era novo. O pensador estaba convencido de que Chautebriand representaba o máis puro do reaccionarismo francés. Quitou o seu marxismo pola bragueta e mexou sobre o sepulcro do escritor. Maurras rexeitouno na dereita porque era «un romántico amante do suicidio». Chautebriand estivo descolocado ideoloxicamente durante toda a súa vida. «Por que cheguei nunha época na que estou tan fóra de lugar?», cuestiona en ‘Memorias de ultratumba’, un libro no que trata de asentar e explicarse os numerosos acontecementos históricos e violentos que presenciou. Ao igual que o Corto Maltés, vivía a axitación cun código de ética e tristeza.

Collín as ‘Memorias de ultratumba e baixei as escaleiras. Pensei que a edición de Acantilado que teño na casa, de 2004, sería máis doada de ler; pero había de trasnoitar no Hotel Malta.

Descendín ata a cafetería. A estética francesa estaba tamén na barra longa e limpa, e nas mesas de mármore nas que os xogadores deixaran unha baralla a medio xogar, notas referentes a puntuacións, copas sen beber de todo e cabichas desprezadas. Como souben que non soportaría unha noite coas presenzas deses xogadores —invisibles, pero vivas na miña imaxinación—, saín á rúa e fun durmir na casa.

Espertei cedo, sacudido polo exemplo moral de Chautebriand, quen dicía que «os feitos fan máis traidores que as opinións». Regresei ao Hotel Malta para non ser un traidor. Ás oito da mañá atravesei a rúa dende o edificio ata a cafetería e devolvín a chave a Óscar. El nunca saberá que son un Vázquez Montalbán falsario, un home que soamente se atreve a ser o Corto Maltés como lector.

Comentarios