A UCI pide que Valverde non corra no Mundial de ciclismo

O corredor do Caisse d'Epargne tras unha etapa da Volta a España
photo_camera O corredor do Caisse d'Epargne tras unha etapa da Volta a España

A Unión Ciclista Internacional instou á Real Federación Española de Ciclismo a que non permita participar no Mundial de Stuttgart ó corredor Alejandro Valverde, do Caisse d'Epargne. A razón, que o español aparece nos documentos da 'Operación Puerto', unha investigación que revelou unha rede de dopaxe no ciclismo.

A UCI argumenta que algunhas das 6.000 páxinas das que consta o dossier do caso poderían demostrar que Valverde estaba implicado no escándalo. A Unión Ciclista recomenda abrir "tan pronto como sexa posible" un expediente disciplinario ó ciclista español.

Real Federación respondeu que antes de tomar unha decisión con respecto ó ciclista murciano "estudará pormenorizadamente" a documentación da 'Operación Puerto', para evitar tomar unha decisión apresurada.

A RFEC defende a Valverde
Non é a primeira vez que a Federación Española de Ciclismo pon a cara por Alejandro Valverde. O ano pasado, durante o mundial de Salzburgo, especulouse coa presenza de Valverde na lista de implicados na 'Operación Puerto'. Inmediatamente saíron na súa defensa a Federación e o Consello Superior de Deportes, que atribuíu estas acusacións a un desexo de desestabilizar á selección española.

Hai dúas semanas, a Federación contestáballe en parecidos termos ós organizadores do Mundial de Stuttgart, que expresaron o seu desexo sobre que Valverde non correse, baseándose na suposta, aínda que non probada, implicación de Valverde na trama da dopaxe.

Comentarios