Uns 200 comercios repartirán máis de 6.000 euros en premios no Morrazo

A campaña de Nadal de Fecimo inclúe actividades paralelas e concursos infantís
Iluminación navideña, onte, na Praza Massó.
photo_camera Iluminación navideña, onte, na Praza Massó.

O comercio do Morrazo asociado á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, Fecimo, está preparado para recibir o Nadal coa súa tradicional campaña, que reparte cuantiosos premios entre os clientes que confían no comercio de proximidade. Haberá, como cada ano, sorteos, premios e actividades lúdicas.

Esta campaña conta coa participación de arredor de 200 empresas integradas nas asociacións locais de Bueu, Cangas e Moaña, que lucirán material decorativo conxunto.

A pasada semana, os comercios adheridos recibiron o material para decorar os seus establecementos, así como elementos para a paquetería e bolsas especialmente deseñadas para o Nadal, que reforzan a imaxe conxunta e o valor do tecido empresarial da contorna.

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo repartirá máis de 100.000 boletos para optar aos premios

A pesar de ser a campaña máis tradicional da federación, conta cun sistema de participación modernizado, que se mellora ano a ano para que resulte sinxelo para os clientes. A participación será coma nos últimos anos, a través duns códigos alfanuméricos que se deben rexistrar na páxina web: www.compranomorrazo.com, para saber no instante se hai premio ou non.

Fecimo pon en circulación máis de 100.000 boletos con códigos nas tendas do Morrazo, que se poderán conseguir coas compras realizadas a partir do vindeiro luns, 5 de decembro, día no que se abrirá tamén a web coa imaxe da campaña.

Estará vixente ata o día 9 de xaneiro e pode accederse ao sistema dende o ordenador, así como a través do móbil ou tableta.

Repartiranse máis de 6.000 euros en premios, que se materialízanse en cheques-compra para utilizar exclusivamente nas empresas participantes e no prazo dun mes dende a finalización da campaña.

Así, haberá tres premios de 1.000 euros cada un, outros tres de 200 e outros tantos de 100. Así mesmo, outorgaranse 45 premios de 50 euros. Os de 50, 100 e 200 euros irán aparecendo ao longo de toda a campaña e os agraciados deberán identificarse nas oficinas de Fecimo presentando o boleto premiado. Todos os participantes, con premio ou non, deberán gardar os seus boletos, porque ao finalizar a campaña celebrarase entre todos os códigos rexistrados un gran sorteo final, con tres premios de 1.000 euros en cheques compra.

Os cativos tamén teñen o seu espazo no tecido comercial do Morrazo, coa xa tradicional Xincana Infantil. A proposta deste ano serán preguntas a resolver visitando os establecementos comerciais e lugares emblemáticos.

Comentarios