Uns trens axeitados para ler novelas rusas

Os trens galegos son os máis axeitados para as novelas rusas pola súa velocidade decimonónica
Julián Hernández
photo_camera Julián Hernández

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

OS QUE lemos a Biblia sabemos que o nome da esposa de Noé non figura por ningures. Parece que se amañou sen axuda para alimentar as parellas de animais e gobernar a gabarra no medio daquel cambio climático do Xénese. A tradición xudea nomea a esa muller como Naama, mesmo algúns autores a sitúan na xínea sinistra de Caín.

Eu coñecín unha Naama en Ribadeo. Vivía no meu barrio, que tivo por primeiro nome O Xardín do Edén, pero que chamamos laconicamente O Xardín. A miña Naama vivía nun edificio rodeado de campo. Cada vez que o amencer rompía augas, a Naama que vivía nun terceiro andar, asomaba ao balcón. Colgaba un pato no aire fresco da mañá e deixábao caer ao baleiro. O parrulo era marrón, aínda que o pescozo era da cor cobriza das fontes que usaban os aztecas nos sacrificios. A seguir, soltaba unha pata branca. Ambos voaban torpemente porque anestesiaran o instinto dende que vivían nun piso con calefacción. Ambos caían axitando as ás mancas cunha expresión de pánico. Aterraban coa torpeza dun paracaidista con vertixe. Despois, achegábanse ao pé dun abeto onda a dona lles deixaba un maná de pan seco mollado en leite para almorzar.

Os parrulos eran un agasallo que a muller fixera á filla, Carmiña, porque a cativa vivía a pensión completa en EuroDisney. A nena bautizara as mascotas como Lucas e Daisy, claro. Lucas tiña un carácter tan agrio e violento como o personaxe de debuxos animados. Cando saiamos de casa corría tras de nós para mordernos con aquel pico duro que mancaba coa brutalidade dunha trampa para ratos.

Non moi lonxe vivían varias familias xitanas. Estaban asentadas contra a tapia do noso colexio, que era alta e insalvable que lembraba os valados de Alcatraz. Eran unha sociedade paralela á nosa, coa que non tiñamos nin cariños nin enfrontamentos; soamente respecto e distancia.

Unha mañá, antes de que o amencer dese luces para anunciarse, descubrimos que outros xitanos aparcaran unhas furgonetas no Xardín do Edén. Parecéronme inquietantes porque eu lera moitas novelas de Enid Blyton. Nas aventuras de Los Cinco (Juventud), os malos tiñan a pel máis escura que os bos.

Evidentemente, aquelas persoas eran tan idénticas a min como os nomades que se estableceran xunto á tapia do colexio, pero chegar de fóra a unha comunidade pequena marcábaos coa desconfianza.

Julián Hernández, o líder da banda Siniestro Total, contoume hai días que deixara Vigo, o virreinato de Abel, para establecerse en Cambre, o prácido concello coruñés no que aínda lembramos a Wenceslao Fernández Flórez pola Villa Florentina e a fraga de Cecebre. "En Vigo consideránme traidor e en Cambre sospeitan que son un espía", dicíame Julián nunha sesión vermú mentres tocaba Terbutalina.

Esperta a mesma sospeita que os xitanos inquietantes que apousentaron campamento onda a miña casa. Durante os días que estiveron coas súas furgonetas aparcadas en círculo, como facían os colonos do Oeste por consello de John Wayne, dediqueime a espialos. Eu sabía por Los Cinco, que cumpren 75 anos, que os nenos benintencionados comen pastel de carne, lingua de vaca e ovos duros. Aquela xente prendía fogueiras brillantes para colocarlles potas escuras enriba.

Un amencer Naama soltou os seus patos en voo regular ao prado do abeto. Media ducia dos nómades rodeou á árbore onde os parrulos buscaban o almorzo. Cazáronos cuns sacos que acabaron nas súas furgonetas presurosas. Lucas inchaba as venas do seu pescozo cobrizo. Ese día volveu ao Xardín do Edén. Podiamos saír da casa sen medo a ser trabados.

Os patos da taiga non voan no ceo engaiolado de Disney, senon á súa vontade. Seino porque estiven vendo Un ano na taiga, o documental de Werner Herzog no que as aves cruzan o horizonte sen temor a ser denigradas como mascotas. A natureza da taiga non está soxulgada polo home. Nese filme aparece unha etnia de pel escarlata, os knet, da que quedan poucos membros. A miseria e o alcohol están devorándoos. Os sobrevivintes discutían se bebían por culpa do aburrimento ou por culpa dos rusos, pero vían a taiga con mirada de ollomol canso de vivir.

Ser ruso tampouco debe de ser demasiado alegre, excepto se se viva en Moscova ou en San Petersburgo. Eu ando entre ambas as cidades porque cada día leo un capítulo de Ana Karénina, de Tolstoi. Calculo que tardarei uns 200 días en rematar a lectura. Manuel Veiga Taboada tivo o detalle de convidarme e a paciencia de escoitarme falarlle sobre ese libro en El Cantón de Bailén. Manuel comentoume que le as novelas rusas no tren que o leva de Vigo a Monforte e viceversa. Pareceume unha boa suxestión: coller un ferrocarril galego cada domingo para ler rusos. O tren que me levaría polo meu camiño iría paseniño cara ao meu destiño coa mesma velocidade exasperante de cando cantaba Andrés Dobarro. Podería acabar novelas e novelas mentres me deleitaba coa nosa taiga.

Comentarios