Urxe a adopción de cans na canceira de Poio

A canceira de Poio atópase nunha situación de urxencia e busca persoas responsables que se fagan cargo dalgúns cans que teñen nas súas instalacións, especialmente de Taylon, Lázaro e Canela, tres animais que sufriron maltrato
Canela, unha das cadelas maltratadas, agora xa recuperada
photo_camera Canela, unha das cadelas maltratadas, agora xa recuperada

TAYLON, LÁZARO E CANELA: eses son uns dos protagonistas no día de hoxe. Un protagonismo non buscado, xa que se trata de tres cans que foron maltratados e repudiados polos que se facían chamar seus donos. Agora, todos eles, atópanse ben, coidados e alimentados na canceira de Poio. Un establecemento que atopa nunha situación preocupante e de emerxencia, xa que, habitualmente,está desbordada. Membros da Asociación Amigos da Canceira de Poio describen como só contan con oito gaiolas para os 25-30 animais que albergan habitualmente, ademais dos que se atopan nas casas de acollida. 

Hai días nos que á protectora chegan cans en condicións terroríficas, con desnutrición e signos visibles de maltrato. Taylon foi o primeiro dos citados en arribar á canceira. Hai un ano, a policía foi a encargada de retirarlle dous cans a unha veciña de Poio por telos "sen auga e sen comida, a punto de morrer por inanación", comenta Elisa López, membro da asociación. Taylon logrou sobrevivir, pero a súa compañeira, Rouse, acabou morrendo e a señora tan só tivo que pagar unha multa de 500 euros. A Lázaro descubrírono a principios do 2016, un pastor belga que tiña feridas no pescozo por culpa dun colar moi apertado que se foi incrustando pouco a pouco. A maiores, tamén está Canela, unha cadeliña que apareceu na rúa, totalmente exhausta, con desnutrición e cicatrices. A asociación desconfía que Canela puido ser empregada para pelexas de cans ou para a caza de xabaríns.

A Asociación Amigos da Canceira de Poio destaca a necesidade de concienciar e denunciar como medidas preventivas do maltrato 

Estes non son os únicos casos que existen na canceira. Aínda así, son dos máis preocupantes, xa que tiveron un pasado horrible e agora requiren de alguén que se faga cargo deles de forma urxente. Son cans que precisan que alguén lles proporcione todos os agarimos que tanto lles negaron os seus outros amos. 

O maltrato animal é algo que non se pode tolerar. Tal e como indican membros da asociación: "é unha responsabilidade de 15 anos ou máis. É espeluzanante pensar que unha persoa é capaz de ter a unha ser nesas condicións tan terroríficas diante da porta sen facer nada". Por iso, insisten en dúas ideas fundamentais: concienciar e denunciar. Primeiro, destácase a necesidade de educar, realizar máis campañas e ensinar civismo ós nenos, "que desde pequenos comprendan que un animal non é un xoguete, senón que é un compañeiro, un membro máis dunha familia que merece todo o cariño e respecto do mundo". Por outro lado, incídese na denuncia: "se se observa como un veciño ou coñecido ten algún animal en malas condicións, débese dar aviso á policía para que se tomen as medidas oportunas". Cómpre recordar que "o abandono de animais é unha infracción moi grave e está sancionado con multas, ademais de ser causa de accidentes de tráfico, risco de agresividade, un alto custo ó municipio e supón un sufrimento ó animal". Aínda así, os problemas non acaban aquí. Ó maltrato súmase o número de camadas indesexadas, polo que é de vital importancia recalcar que a esterilización é unha forma de salvar vidas, reducindo o número de abandonos e maltratos. Igualmente, isto conta con outros beneficios: evita o cáncer de mama, de próstata ou de ovario, a morte no parto, hernias, infección uterina, embarazo psicolóxico ou enfermidades venéreas.

Comentarios