A UVigo reivindica o seu papel como referente e motor da sociedade

O reitor destacou "o traballo, o compromiso e a excelencia" como valores da Universidade
Foto de familia dos premios extraordinarios de grao, de doutoramento e dos Egeria
photo_camera Foto de familia dos premios extraordinarios de grao, de doutoramento e dos Egeria

A Universidade de Vigo celebrou este venres un acto académico co gallo do seu patrón, San Tomé, que, en palabras do reitor, Salustiano Mato, "permitiu visualizar os mellores valores que rexen esta Universidade: o traballo, a rigorosidade, a seriedade, o compromiso e a excelencia". A institución entregou ao seu alumnado os galardóns de fin de carreira, grao e doutoramento do curso 2015-2016, así como os III Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero en traballos de fin de grao e mestrado. En total foron 104 recoñecementos. No acto, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, 57 mulleres e 41 homes recibiron as insignias e medallas da Universidade que, asegurou Mato, "premia feitos, realidades, compromiso, seriedade, rigorosidade, traballo e excelencia".

Arroupados por familiares e docentes, os alumnos viviron este día con especial ilusión. Entregáronse 51 premios extraordinarios de grao, seis de fin de carreira e 41 de doutoramento, "un recoñecemento para vós e tamén para os vosos titores e titoras", tal e como lles lembrou a secretaria xeral, Gloria Pena, que foi a encargada de ir lendo un a un os nomes das persoas galardoadas.

"Para nós é unha gran satisfacción ver como a institución na que pasamos tantos anos recoñece o esforzo realizado", recoñecía Vanesa Romero tras recoller o seu premio extraordinario de doutoramento. "A idea sería pasar uns anos fóra para seguir formándome e despois poder volver", explicou. No caso da bióloga Rebeca Moreira, tamén premio extraordinario de doutoramento, "este recoñecemento chégame nun bo momento, pois estou traballando no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, que é a miña cidade".

Non menos entusiasmados estaban os mozos que recibiron os Premios Extraordinarios de Fin de Grao e de Carreira. "É un recoñecemento enorme que non esperaba e toda unha sorpresa", explica Sofía Lorenzo, graduada en Administración e Dirección de Empresas e estudante dun máster en Comercio Internacional. "Para min foi unha emoción tremenda e un premio a moitísimo traballo duro, a moitas horas sen durmir e estudando... parece que o esforzo ten recompensa", salienta Lorenzo.

RETRÓGRADOS. Tras apelar ás universidades como "antídoto contra os totalitarismos, os pensamentos excluíntes e contra a barbarie que denigra á muller polo simple feito de existir", o reitor rexeitou os poderes que non apoian e renegan da universidade, cualificándoos de "retrógrados" porque atacan o máis esencial da cidadanía "isto é a liberdade de prosperar como persoa". Fronte aos convulsos tempos actuais, Mato reivindicou a Universidade como un referente e un motor que debe impulsar a sociedade e lembrou a súa disposición a atender as demandas sociais, primeiro hai máis de 25 anos coa súa creación e posteriormente coa construción dos tres campus ou coa transición ao Espazo de Educación Superior.

Así mesmo, volveu situar a internacionalización e a especialización como obxectivos da Universidade de Vigo, caso do Campus Crea (S2i), "aproveitando a tecnoloxía para reforzar a nosa posición no mapa internacional de institucións académicas superiores, coa finalidade de atraer máis alumnado, profesorado e persoal foráneo", sen renunciar á captación e retención do talento investigador a través de programas propios. "A misión dun docente non se esgota nunca, sempre e cando haxa alguén que reclame a curiosidade como primeiro fundamento da enerxía que move o cerebro, que move o ser humano".

Comentarios