Val de Abeleda

O sorriso de Daniel é a feliz nomeada dunha das más activas sociedades defensoras do noso patrimonio artístico-monumental. Recentemente entrou en campaña para vindicar a apertura ao público e o restauro do mosteiro de San Paio de Abeleda, abandonado da man de Deus aló nun val ameno da Ribeira Sacra.

Falamos dun centro relixioso citado nun privilexio de Afonso VII do ano 1165 polo que doa o couto do mesmo a Sancho e García Gundisalvi. Conta cunha igrexa de estilo románico refeita en época barroca, hoxe en estado de incuria absoluta, e cunha portada do século XIV de notable beleza. As preciosidades contidas no interior (unha pía baptismal, un cálice do XV, os retábulos do XVII) acolléronse no inmediato templo de Santa Tegra ou no museo da catedral de Ourense.

Estas ribeiras do Sil e do Miño conservan a memoria de eremitas que fundaron nesas partes unha auténtica Tebaida, atopando nos montes ermos a soidade que noutros lugares buscaron no deserto. O eremita asociouse máis tarde en comunidades monásticas, pero a idea central dese paleocristianismo (o silencio feliz afastado do mundo) mantívose nestas abandas es carpadas da serra, neses vales profundos asombrados polas abelairas e os érbedos, sen outra tentación que o canto paradisíaco do malvís. 

Os mosteiros desa rexión do país traseiro evocan tamén os traballos e os días medievais, a heroica decrúa das ladeiras en socalcos nas que inzou a vide estercada por escuras catervas pondalianas de labregos. Cómpre preservar a ars emorandi, a arte sagrada de lembrar.

Comentarios