miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Valentín García: ''Paz Andrade foi o máis grande internacionalizador da cultura galega, proxectándoa para fóra''

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fai un repaso da figura de Valentín Paz Andrade, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e da situación da lingua galega.

P ¿Que significa para vostede a figura de Valentín Paz Andrade?
R É unha figura inmensa. Eu xa defendo desde hai moitos anos que Valentín Paz Andrade é un dos persoeiros da nosa cultura ao que Galicia lle debe render un enorme tributo. 

P ¿Por que?
R Por moitas cousas. Durante todas as súas facetas sempre demostrou un grande amor por Galicia; foi o ideal que presidiu todas as súas accións. E outra polo inmenso traballo que fixo. Unha das cousas que sorprende de Valentín Paz Andrade é de onde sacou tempo para facer todas as cousas que fixo. Xornalista, político, empresario, economista, avogado, poeta... Alcanzou moitísimos ámbitos distintos e sempre co galego e con Galicia como a súa gran tarefa.

P E na súa época, ¿que significou? Continuou aquí co galeguismo cando moitos se exiliaran.
R O que máis destacaría é a visión que tiña de Galicia proxectada para fóra. Paz Andrade pensou na internacionalización da cultura galega, algo que aínda hoxe non é fácil de explicar. Foi dos primeiros que falou das posibilidades do galego como porta para a intercomprensión coa lusofonía, como o galego había que proxectalo para fóra para que lle désemos máis valor desde dentro e para que o galego fose tamén lingua de negocio, para que Galicia tivese un sistema de compensación orzamentaria xusta con respecto ao resto do Estado. 

P Tiña unha visión moi moderna de Galicia.
R El tiña unha visión de Galicia e do galego modernísima para o seu tempo, e moito máis internacionalista. Isto tamén se debe á súa traxectoria empresarial e como embaixador da FAO. Ser embaixador de Nacións Unidas levouno a moitísimos países que para persoas da cultura galega daquel momento non era fácil visitar. Levouno a coñecer moitísimas persoas da política internacional que colaboraron moito a que el vise a súa terra como un proxecto de futuro e que non tiña por que padecer de nada, porque tiña recursos de sobra para todo. E ademais soubo contaxiarllo a toda a súa xeracion e a toda a súa contorna.

P E tiña unha visión globalizada das cousas cando aínda non existían internet nin as redes sociais.
R Cando ninguén sabía o que era o globo. Cando todos os galeguistas andaban medio agochados por Vigo adiante facendo reunións clandestinas el xa falaba do galego como posibilidade de lingua de negocio, ou do galego como posibilidade para negociar os bancos de pesca en Angola, Mozambique ou Brasil. Iso faino unha persoa inmensa. Non só agora, senón máis aínda na contorna no que se moveu, nas súas circunstancias e no seu tempo.

P Cambiamos un pouco de torna. ¿Que se podería facer para que o Día das Letras non fose só o 17 de maio?
R Eu creo que xa non é só o 17 de maio. Agora xa se fala da semana das letras, o mes das letras...

P Pero, digamos, para estendelo a todo o ano...
R Iso sería o ideal, que todo o mundo sentise as letras e o idioma galego como algo tan propio que o cultivásemos, porque non faría falta case nin defendelo; defenderíase só. Pero a situacón do galego tampouco é apocalíptica como se quere facer ver. Sempre poño o mesmo exemplo. De 60.000 linguas que máis ou menos teñen censadas as Nacións Unidas en todo o mundo, o galego ocupa o número 50. ¡Ollo! Que non é unha cifra nada desdeñable.  

P ¿Algún acto que este ano lle tocara a fibra?
R O luns, cando presentamos a campaña das Letras Galegas en Eroski, que vai pór carteis de Paz Andrade en todas as súas tendas. E anúncianos ademais que en breve a súa revista de ofertas vai saír integramente en galego. Isto é Eroski, é unha cadea de supermercados, que en principio non é o ámbito empresarial máis sensible coa lingua. Ata hai pouco o mundo empresarial era dos máis herméticos para a lingua galega.

Valentín García: ''Paz Andrade foi o máis grande...
Comentarios
ç