Valores firmes

Os catro gañadores das bolsas de estudos Novos Valores 2016 mostran o seu traballo no Museo ata o 12 de novembro
Os tres creadores que asistiron á inauguración
photo_camera Os tres creadores que asistiron á inauguración

O ciclo do certame Novos Valores, tal e como está concibido na actualidade, pechouse onte no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Alí se inaugurou a exposición que mostra os traballos desenvolvidos polos catro premiados o ano pasado coas bolsas de estudos: María Maquieira, Olmo Cuña, Diego Vites e Basilisa Fiestras.

Maria Maquieira mostra, a través dunha serie de debuxos e colaxes, unha especie de diario persoal en imaxes, no que plasmou as viaxes que realizou a Atenas, Romas e Creta. Segundo indica a Deputación, o resultado do seu traballo aparece moi ligado á anatomía humana, especialmente ao rostro.

Olmo Cuña, o único premiado que non estivo presente onte na inauguración da exposición, ao atoparse aínda en México, onde realizou a súa estadía artística, presentou unha instalación titulada Volantes, "baseada nun experimento de pintura errante", explica a organización da mostra. En México chámaselles 'volantes' aos folletos e impresos publicitarios que se reparten pola rúa. A partir de aí, o artista realizou unha serie de pequenas pinturas que reproducen detalles dunha vía rápida e que se lle presentan aos espectadores enriba dunha mesa, "para explorar 'a barreira do non tocar'".

No caso de Diego Vites, que realizou unha estadía de dous meses e medio no Ecuador para continuar co seu proxecto Historiografía Tigua, no que relaciona a estética do folclore galego coa do andino, o que presenta no Museo é unha serie de novas pinturas feitas en colaboración con dous artistas locais: Luis Edwin Pastuña (fillo) e Segundo Pastuña (pai), de Quilota. As obras están fortemente ligadas a temáticas indíxenas.

Finalmente, Basilisa Fiestras, que viaxou coa súa bolsa a Barcelona, Venecia e Milán, desenvolveu un proxecto titulado Regras para un parque humano, "a través do que expón a representación en escaiola do seu corpo fragmentado e repetido, para crear diversos xogos e formas, cos que as súas instalacións limitan, invaden e modifican o espazo", indica a Deputación Provincial.

Ademais dos creadores, na inauguración da exposición estiveron presentes tanto o director do Museo, Carlos Valle, como o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que lembraron que a modalidade de premio de Novos Valores na actualidade, como bolsa de estudos de 7.500 euros, "segue a estela de Castelao", que tamén foi pensionado pola Deputación no seu momento".

Coa mostra dos traballos dos artistas gañadores de Novos Valores 2016, que permanecerá aberta ata o 12 de novembro, péchase o ciclo dun certame artístico que se abre cada ano coa convocatoria dos premios e continúa co fallo dos galardóns e a exposición da selección de traballos.

Comentarios