Varios colectivos de Poio solicitan una reunión sobre los fondos de Ence

As asociacións presentarán unha petición formal no Rexistro para que o Concello as reciba
Asistentes á reunión celebrada o pasado venres polo PP de Poio
photo_camera Asistentes á reunión celebrada o pasado venres polo PP de Poio

Representantes dos máis de 60 colectivos deportivos, veciñais e culturais de Poio asistiron á reunión convocada polo Partido Popular no local da Comunidade de Montes de San Xoán para informarse sobre as achegas económicas que pertencen ó denominado Pacto Ambiental e que Ence distribuirá entre as agrupacións da Ría de Pontevedra. Unha das principais conclusións e decisións que se decidiu levar a cabo é solicitar ó Concello unha reunión urxente para que o "tecido asociativo do municipio estea o mellor representado posible".

Cabe mencionar que o Goberno local négase a ser partícipe desta iniciativa porque considera que a pasteira pode axudar os colectivos de forma totalmente directa, sen necesidade de que a Administración poiense interveña. O portavoz e presidente dos ‘populares’, Ángel Moldes, insistiu na idea de que estas asociacións culturais, deportivas e veciñais deben estar representadas por alguén ó que lle preocupe defender os seus intereses. "Cada concello ten as súas necesidades e particularidades e as de Poio non son as mesmas que as de Marín, que si está representado ó máximo nivel", explicou. Ante esta situación e por esta mesma razón, os colectivos decidiron presentar unha petición formal de reunión no Rexistro do Concello instando ó Goberno local a concertar un encontro urxente con todos os interesados que queren acceder ós tres millóns de euros anuais que se comezarán a repartir a partir deste mesmo ano.

Moldes explicou que o seu partido intentou en varias ocasións realizar asembleas co Consello Municipal de Deportes (CMD) e reunións oficiais cos colectivos para que o bipartito que goberna Poio puidese coñecer todas as súas necesidades e intereses, ademais de informalos sobre o Pacto Ambiental: "Eles néganse a falar coas asociacións e cos veciños, malia que entidades como o CMD son precisamente órganos consultivos ós que pedir opinións sobre o que afecta ás entidades deportivas".

PRAZOS. O tempo e os prazos son un dos puntos que máis lles preocupan ós representantes das diferentes agrupacións de Poio, xa que queda "apenas mes e medio para coñecer as bases e presentar os proxectos". Por iso, Moldes comprometeuse a facilitarlles unha copia dos criterios de adxudicación e reiterou que aí tamén se alberga a importancia de poder estar presentes nas deliberacións da comisión de seguemento: coñecer o que é necesario, explicar as necesidades propias dos colectivos do municipio e, ó mesmo tempo, transmitirlles as novas ós membros das agrupacións. "Quen coñece mellor o tecido asociativo e as demandas específicas de cada sector é o Concello", engadiu o voceiro.

Outro dos puntos dos que se falou na reunión foron "as iniciativas que leva a cabo o Partido Popular para conseguir a máxima transparencia" en Poio.

Comentarios