Verán de récord para os petróglifos do parque de Campo Lameiro

As 1.750 visitas de agosto e as 1.650 de xullo consolidan ás instalacións como un referente da arte rupestre
As visitas teatralizadas resultaron todo un éxito
photo_camera As visitas teatralizadas resultaron todo un éxito

O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre segue medrando temporada tras temporada. Este verán rexistrouse a cifra récord de 1.650 visitantes no mes de xullo e 1.750 en agosto, dos cales a metade procedían de fóra de Galicia, convertendo ó PAAR nun referente da arte repustre a nivel peninsular e mesmo europeo.

O período estival destacou pola ambiciosa programación de actividades que se levou a cabo no espazo, e que congregaron a máis de 700 persoas, unha suba do 30% con respecto ás actividades do ano anterior. Concertos, teatro, obradoiros... Unha ampla oferta, que permitiu experimentar a arqueoloxía dunha forma diferente. As visitas guiadas nocturnas Noitepedras foron a actividade máis exitosa, con arredor de 160 asistentes. A visita destaca especialmente polo sofisticado sistema de iluminación LED, instalado este ano ó redor dos principais petróglifos do parque.

Tamén destacaron as visitas Atardeceres, que exploraron un percorrido alternativo á visita guiada convencional; as diversas visitas teatralizadas, que sumaron outros 160 asistentes; ou Petróglifos e Estrelas, que permitiu observar as estrelas dende a estratéxica situación dos petróglifos, e coñecer as relacións existentes entre a arte rupestre e a astronomía primitiva. Os visitantes tamén tiveron a ocasión de gozar do concerto de Neønymus, un artista burgalés que recrea a través da súa música os sons da Prehistoria, e de diferentes obradoiros que recrearon a vida das persoas na idade de bronce.

As actividades continuarán durante o mes de setembro.

Comentarios