Verdades baixo o ruído

Fina de Calderón foi aristócrata, poeta e amiga de literatos, compositora de temas de Edith Piaf. Enferma de pequena, García Lorca animouna a camiñar con muletas. Lorca tentara animala co frae máis fermosa que se lle pode dicir a unha nena con ess circunstancias: "As muletas son ás de pau para as nenas boas"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

NON É certo que agora esteamos inventado a posverdade. Boa parte da cultura e da política, ao longo dos séculos, vai de crear relatos alternativos, aínda que algúns xornalistas parece que o están a descubrir agora. O problema non é, para case todo o mundo, a verdade ou a mentira, senón a súa conveniencia.

OÍDO
Escoiteille a Víctor Freixanes nunha conferencia no Consello da Cultura que unha industria cultural precisa un mercado de seis millóns de persoas para ir tirando. A versión simplista e interesada dirá que a solución para a literatura galega é o reintegracionismo lingüístico. Eu teño o mal costume de cuestionarme todo, e ocorréuseme consultar fontes portuguesas e brasileiras. Falan da enorme fenda editorial entre os dous países, entre os que apenas hai intercambio de libros. Raimundo Gadelha, editor brasileiro, decláralle ao blog de xestión cultural Acesso: «Com raríssimas exceções, cada um dos dois países não assimila a obra do outro. Já foram criadas associações entre os países de língua portuguesa, mas, efetivamente, em nada resultou no campo da arte literária». Aí queda para vostedes.

TACTO
Unha afección que me resulta ben divertida é seguir a traza de supostas verdades da historia popular. A identidade da Galicia moderna está cimentada sobre toda unha arquitectura de mitos que xa quixera para si o auténtico Breogán, se é que existiu. Gústame investigar a ver quen foi o primeiro que creou a bóla de neve. Por exemplo, coa orixe romana do viño da Ribeira Sacra. Por agora, cheguei ata Cunqueiro, que se coidou de afirmar nada, realmente. «Do tinto de Amandi díxose que era grato a Augusto, e non sei a realidade do conto». Pero esta frase valeu para encher ducias de folletos e facer performance. Só o ano pasado —repito, en 2016— se puido demostrar por primeira vez a elaboración de viño no país en época romana. E, por agora, o milagre apareceu no castro de Astariz, no Ribeiro.

GUSTO
Fina de Calderón foi aristócrata, poeta e amiga de literatos, compositora de temas de Edith Piaf. Enferma de pequena, García Lorca animouna a camiñar con muletas. Lorca tentara animala coa frase máis fermosa que se lle pode dicir a unha nena con esa circunstancia: «As muletas son ás de pau para nenas boas». A nena preguntoulle se as gomas que estaban na punta das muletas eran para borrar os pasos, e Lorca dixo enigmático: «Os pasos non se borran nunca». Ao final da súa vida escribiría unha biografía chamada ‘Los pasos que no regresan’, na que dá conta das súas relacións cos creadores da Europa do momento. André Malraux pedíalle que lle trouxera unha augardente «tosca, sen destilar» que se facía no norte de Galicia e que «el bautizaba repugnantemente como flemas». O que Fina de Calderón non sabía é que se lle chama flema ao resultado da primeira destilación dun alcol, e nada que ver con esputos. Malraux era un tipo informado.

OLFACTO
A neta de Fina Calderón é María Castiella, unha moza de 33 anos que pasou de ser asesora de Exteriores de Mariano Rajoy a xefa de gabinete de Albert Rivera en Ciudadanos. Seica María Castiella foi reclutada por un ‘headhunter’, o novo xeito de entrar en política. Lembrei unha tese que analizaba en clave xenealóxica o Congreso dos Deputados. O seu autor concluía que todas as familias poderosas madrileñas dispuñan de membros ou conexións en todo —todo— o espectro ideolóxico do Parlamento. Segue a ser así: é a verdade que está por baixo do ruído cotián. O ABC xa o deixa claro: «Castiella pasa a engrosar la nueva generación de bellas políticas aristócratas de otras formaciones políticas» (16/04/2016).


VISTA
Os xornalistas dixitais que nos dedicamos á divulgación histórica sabemos esta verdade que ninguén se atreve a dicir: as publicacións sobre a Guerra Civil e a memoria histórica non funcionan en termos de audiencia dixital. Dá igual que as nosas redes persoais estean poboadas de activistas de esquerda ou que publiques unha gran historia humana da época: a recompensa é unha sequía de clics. Isto non é doado de explicar, por suposto, pero non deixa de contrastar co interese que espertan hoxe as historias de nazis en Galicia. Así que eu me pregunto: que pode acontecer se mesturas as dúas?

Comentarios