Viaxe ás tripas do Museo de Pontevedra

PON0811P66F1.JPG
photo_camera PON0811P66F1.JPG

Restauración: O Museo de Pontevera foi o primeiro de Galicia que contou no seu cadro de persoal cun restaurador titulado. Hoxe dispón dun equipo especializado de profesionais, presume dunha cámara de anoxia para a desinsectación e colabora coa Escola de Restauración. Así son as tripas da institución cultural máis importante da capital da provincia.

ricardo ferreiro entrou a traballar hai 33 anos no Museo Provincial de Pontevedra. Hoxe é o membro máis antigo do equipo de restauración da institución. «Cando empecei tiña que facer un pouco de todo, pero hoxe a miña especialidade é a pintura», explica mentres traballa no lenzo ‘O tributo ao César’, de Miguel Coxcie. A obra, doada este ano por Milagros Pedrosa Roldán (tía do ex-alcalde da cidade Juan Luis Pedrosa), pasará a expoñerse no Edificio Castro Monteagudo unha vez que Ferreiro remate con ela. «É unha obra que chegou en bastantes boas condicións, pero aínda así ten parte da pintura deteriorada. É no que estamos traballando», conta o restaurador.

O Museo de Pontevedra foi o primeiro de Galicia que contou cun posto específico de restaurador titulado no seu cadro de persoal: Ricardo Ferreiro, hai 33 anos. Hoxe a mesma institución conta cun equipo especializado de sete persoas, que traballa nunhas instalacións «absolutamente privilexiadas», segundo o director do centro museístico, Carlos Valle. Conta mesmo con alta tecnoloxía, como unha cámara de anoxia destinada á desinsectación das obras de arte (que elimina calquera infección biolóxica substituíndo osíxeno por nitróxeno). «É un aparello innovador en Galicia e un dos poucos que funcionan nun museo en España», comenta outra das restauradoras máis veteranas, Sonia Briones, 22 anos traballando no Museo Provincial.

Santa María

Briones, especialista en madeira, traballa nestes momentos en varias cousas. Por un lado, na limpeza de pezas de xoiería que formarán parte dunha exposición que se inaugurará a finais do mes de xaneiro e, por outro, na restauración da última táboa das cinco que compoñen o antigo retablo de Santa María.

A restauradora conta como o traballo dos talleres depende directamente dos conservadores e da dirección. «Traballamos sempre en colaboración, pendentes uns dos outros», confirma Carlos Valle. «Tanto as pezas que incorpora o Museo como as que forman parte dos seus fondos son revisadas polos conservadores, que realizan informes escalonados. Segundo os seus diagnósticos, as obras pasan ou non ao taller de restauración e fáiselles isto ou o outro. Os conservadores serían os ‘médicos de planta’ e os restauradores os ‘cirurxiáns’», explica Carlos Valle.

Ademais dos especialistas en pintura e madeira, o Museo conta con outro en pedra, dous contratados temporais (restos arqueolóxicos, pedra e madeira) e dous bolseiros (arqueoloxía e escultura). «E a semana que vén incorporaremos outra persoa, cun contrato temporal, especializada en documentos gráficos», apunta Valle.

Entre todos ‘curan’ as feridas dos milleiros depezas que están detrás do 18.000 rexistros do catálogo do Museo de Pontevedra. Fano en dúas salas (Pedra e Pintura) situadas no soto do Sexto Edificio, mesmo ao carón da Sala de reserva, un espazo de acceso controlado onde se gardan os fondos que non se expoñen. «Os ‘fondos reservados’», bromeou onte o presidente da Deputación. Rafael Louzán. En todos estos espazos, ao igual que nas salas de exposición, as condicións ambientais son estables: 20 grados centígrados, 50% de humidade.

«Actualmente non temos contabilizado que porcentaxe de obras se expoñen», indicaba Valle. «Gardamos un gran fondo. O número de rexistros non é significativo porque unha mesma entrada por incluir múltiples obras. Poñamos ‘As cruces de pedra na Galiza’ de Castelao: un só número de rexistro e máis de 500 debuxos».

Nos espazos que se lle abriron onte á prensa por primeira vez dende que están no Sexto Edificio, co gallo dun próximo congreso de restauración que acollerá o mesmo inmoble, é onde se dan os descubrimentos máis curiosos do Museo. Valle e Louzán comentaron onte, por exemplo, a peripecia que vivíu unha Virxe do Leite pontevedresa, que se incorporou aos fondos da institución cunha cabeza que non era a súa. «Descubrimos que a auténtica formaba parte dos fondos do propio Museo dende había 50 anos!».

Xusto ao carón da peza da anécdota traballaba onte, nun sartego altomedieval de Catoira, o restaurador máis novo do equipo, Fernando Gago. Bolseiro formado na Escola de Restauración, explicou que non son moitas as oportunidades de traballo que se teñen ao saír da escola, coa que o Museo mantén un convenio de colaboración que lle permite facer prácticas aos estudantes. «Esta é a miña primeira experiencia laboral e, a verdade, non pode ser mellor».

Comentarios