Vicente Celeiro: ''Es difícil que los dos se salven pero, mientras el descenso no sea matemático, todo es posible''

Vicente Celeiro (Vilalba, 1962) é un goleador de corazón dividido, despois de militar en Dépor e Celta. Unha ambigüidade reflictida ata nos seus dous fillos: un é do Celta e o outro do Deportivo.

P ¿Como ve que chegan os equipos a este importante partido?
R
Tocados, no seu peor momento. En lugar da festa do fútbol galego vai parecer un funeral; os dous chegan case cun pé en Segunda. Non sei se na historia se daría algún derbi con estas características, supoño que si. Agárdanos un partido dramático. Practicamente o equipo que perda quedará sentenciado

P Aínda así, ¿ve posible que se acaben salvando os dous equipos?
R
É difícil, a situación e a dinámica dos equipos non é para ser optimista, todo o mundo o sabe, pero aínda nos queda esperanza. Mentres matematicamente Celta e Deportivo non estean descendidos, todo é posible.

P ¿Cre que os novos adestradores poden incidir no resultado?
R
Eu penso que os derbis son das afeccións, que están por riba dos adestradores, cambios de adestradores ou xogadores. Despois, esta tempada estou vendo máis ao Celta e pódoche dicir que non cambiou nada co novo adestrador. Case, case, atreveríame a dicir que empeorou. Entón, os adestradores tampouco poden facer nada. Supoño que se a administración dos clubes non ficha a máis xogadores ou de maior calidade é porque o orzamento non llelo permite. É certo que o Celta non reforzou o equipo para Primeira. A base segue a ser a mesma que en Segunda. Paco Herrera non o fixo mal, pero non lle ficharon xogadores para unha división que non ten nada que ver coa que xogaban o ano pasado.

P ¿E que me di do Dépor de Fernando Vázquez, outro galego que coñece as dúas caras da moeda?
R
Os partidos que lle vin gustoume o equipo. Gustoume contra o Madrid, no Camp Nou. O día do Rayo penso que non estivo ben... pero en xeral gustoume. Ademais, o Dépor en teoría reforzouse no mercado de inverno. Tamén as medidas que tomou o equipo foron mellores que as do Celta, ten máis empaque, máis xogadores... A primeira vista, vendo a xente que ten o Dépor, non creo que sexa como para descender, pero aí está.

P Respecto aos derbis que disputou, ¿cal lembra con máis agarimo?
R
Todos os derbis teñen o seu propio interese e o seu punto especial, porque cando xogas é unha ledicia inmensa verte aí, nunha festa do fútbol galego. Pero hai un que lembro especialmente pola súa amargura. Foi un Deportivo-Celta no que perdemos un ascenso en Riazor por 0-1, despois de estar moitos anos en Segunda, por un penalti que nos pitaron por unha falta fóra da área. Foi o derbi que máis me marcou. Lémbrome tamén de que o árbitro era Díaz Vega.

P ¿Que derbis eran máis quentes: os da súa época ou os de agora?
R
Penso que agora a cousa está un pouco máis tranquila. Na miña época tomábase todo moito máis a peito e co corazón. De todos os xeitos estiven no primeiro derbi da tempada e había un ambiente moi bonito. A maxia nunca se perde.

P Vostede é un home de corazón dividido, pero, ¿é seguidor dun terceiro equipo?
R
Si, do equipo da miña vila, o Racing Vilalbés. E tamén do CD Lugo, onde tamén xoguei. Como ves, son moi localista.

Comentarios