A vida das cidades cos ollos da historia

O que agochan as cidades en cada rincón, dende a historia á cultura, son pegadas que transforman ao ser humano e amosan a evolución da relación entre persoas, espazos e obxectos

CANDO UN PASA o tempo suficiente nunha cidade e ten certa curiosidade, non pode evitar o pasar a vela cos ollos da historia e da cultura. Para min e algo que sucede ao ritmo dos recados de todos os días. Achégome ao entorno da avenida de Ramón Ferreiro, en Lugo, e pásmome de que nos 50 puidese terse planeado tan a xeito, con esas beiravías enorme, a sombra das árbores no verán, os institutos e o espazo suficiente para os vehículos a motor. Pero de aí vou a Fontiñas e penso como, anos despois, se puido planificar semellante chapuza, cos seus atascos, a falla de espazos abertos e a mala convivencia entre peóns e coches.

Se un leva o asunto un paso máis lonxe descubrirá unha disciplina apaixonante que ademais produciu algún dos libros máis interesantes da centuria: a historia do urbanismo. Na pasada campaña electoral atopei a un dos candidatos a alcaldía e púidenlle recomendar o clásico ‘Vida y muerte de las grandes ciudades’, de Jane Jacobs. Creo que de gañar non me tería feito moito caso, xa que aquí o ladrillo funciona máis ben cos modos e maneiras de ‘The power broker’, a monumental biografía que Robert Caro fixo de Robert Moses, o creador da cidade de Nova York tal e como a coñecemos.

E aínda máis alá están obras como ‘La ciudad: huellas en el espacio habitado’, escrita pola profesora catalá Marta Llorente e publicada por Acantilado. Son aquelas que investigan a cidade non só dende o punto de vista construtivo senón dende o cultural e ata o espiritual.

E é que a cidade aínda está a transformar ao ser humano. Eric Hobsbawm, por exemplo, ao comezar a historiar o século XIX, ten que comezar por sinalar o obvio: practicamente o 95% da poboación vivía en aldeas e vilas e non obstante a historia que se conta con frecuencia é a dos feitos urbanos. O equilibrio modificouse co paso dos anos, naceron as megalópoles e o homo tecnologicus é basicamente unha criatura urbana, con todo o que iso supón.

Da man de Marta Llorente percorremos o camiño que nos leva dende os primeiros asentamentos, caso de Çatal Hüyük, á cidade actual, enorme e convulsa. Para comezar temos unha argumentación que explica un dos pasos chave da humanidade: o abandono do nomadismo pola vida sedentaria. Os símbolos dese desexo de estabilidade son a sepultura e o camiño. Tras os primeiros establecementos aparece o xerme da cidade actual: en Grecia pola organización arredor dun edificio senlleiro, en Roma coa primeira planificación. A súa pegada en Lugo mantense: se collen un mapa da cidade verán o cardo e o decumano, que corresponden esencialmente co eixo formado pola Rúa Nova e a Tinería coas súas respectivas prolongacións.

Da man das cidades reais aparecen as primeiras representacións abstractas, as que vertebran o traballo de Llorente: a alma platónica e a cidade da súa República e a alma cristiá e a cidade de Deus descrita polo Apocalipse primeiro e San Agustín despois. Cun xiro bastante radical —e carente de argumentación discursiva ou metodolóxica, quizais o único defecto da obra— entramos nun aspecto moi concreto: os espazos das cidades españolas dedicados ao castigo a partires da Idade Media. Ou o que é o mesmo, unha historia da Inquisición a través das súas formas de reclusión.

O fío inicial queda retomado na derradeira parte, dedicada á cidade contemporánea. Sen saíres da provincia de Lugo podemos atopar relatos alternativos da relación entre cidade e cultura —en particular, arte cinematográfica e literatura— nos últimos traballos do director da Real Academia Española, o vilalbés Darío Villanueva. Dende unha perspectiva diferente, máis envorcada nunha estraña mestura entre enxeñería e filosofía, a autora presenta á cidade nos nosos tempos, unha paisaxe cada vez máis común marcada porén por un paradoxo: o meirande desenvolvemento do escenario urbano trouxo de seu a destrución de moitos deles, non só nos conflitos bélicos do século XX senón tamén en intervencións como aquela que quixo desmontar a nosa muralla por considerala un freo para o crecemento de Lugo. O feito de que a todos nos pareza tal cousa unha barbaridade amosa a evolución da relación entre persoas, espazos e obxectos tal e como a explora Marta Llorente neste libro imprescindíbel e curioso.

Comentarios