Vilaboa e Cerdedo-Cotobade, os vindeiros congresos do PP

Oia e Silleda serán os outros conclaves que terán preferencia antes de "empezar a falar de candidatos" de cara ás eleccións de 2019
A reunión do Comité de Dirección celebrouse na sede de Raíña Vitoria
photo_camera A reunión do Comité de Dirección celebrouse na sede de Raíña Vitoria

Oia, Silleda, Vilaboa e Cerdedo-Cotobade serán os catro municipios da provincia que celebrarán proximamente os congresos provinciais do Partido Popular.

Así o afirmou o luns a agrupación nun comunicado remitido a propósito do Comité de Dirección do PP de Pontevedra, presidido polo presidente do partido na provincia, Alfonso Rueda, que, tras un breve parón no mes de agosto, retoma as reunións semanais para abordar cuestións internas do partido. Entre elas, o punto principal foi a celebración dos primeiros congresos desta segunda quenda e fixar un calendario de traballo de cara ao último trimestre do ano.

O Comité de Dirección acordou que os primeiros conclaves que se vaian celebrar a partir deste mes de setembro sexan os de Oia, Silleda, Vilaboa e Cerdedo-Cotobade. A convocatoria do congreso farase cun mínimo de 30 días de antelación e os afiliados poderán coñecer así a data de celebración do congreso no seu municipio e os prazos para a presentación de candidaturas.

MOREIRA. Os demais congresos, ata un total de 14 que foron autorizados polo Comité Executivo celebrado a finais de xullo, e incluso algún máis dunha probable terceira fase, celebraranse, segundo explicou o presidente provincial, durante o último trimestre de 2017 e o primeiro de 2018.

A partir de aí, o PP de Pontevedra centrarase nas eleccións municipais de 2019. "Empezaremos entón a falar de candidatos, algúns dos cales coincidirán cos presidentes locais destes congresos que estamos celebrando, pero non necesariamente", explicou Alfonso Rueda.

Nesta segunda fase, xa de cara ao primeiro trimestre do ano que vén, está previsto que se celebre o cónclave local de Pontevedra, no que se decidirá se o actual presidente da agrupación local, Jacobo Moreira, revalida o cargo, no caso de que se chegara a presentar. No congreso celebrado en xullo de 2014 acadara o 97,7% dos votos dos militantes e posteriormente foi candidato á Alcaldía nos comicios de 2015, nos que o PP perdeu varios concelleiros.

Comentarios