Vilamor

O mundo da 7ª arte vive unha situación complicada. Moi poucos produtos chegan á carteleira ou pasan da primeira semana de estrea comercial porque a gran grella das salas de cine apenas reúne vinte persoas por pase.

Malia este panorama, temos un magnífico título, Vilamor, cine feito en Galicia, con equipo técnico-artístico galego, dotado dun argumento enormemente orixinal e cunhas impresionantes paisaxes naturais nas que podemos apreciar a marabilla dos canóns do Sil ou a montañas lucenses da Fonsagrada e Os Ancares, entre outros monumentos estéticos que nos brinda a longametraxe.

Probablemente non seducirá os afeccionados ao cine de acción, con tiros, explosións e movementos frenéticos de cámara e animación infinita (nunha palabra, os do planeta Hollywood ou a enésima versión de Xungla de cristal). Tampouco os que buscan cine de autor compremetido, con riqueza de matices nas dobres lecturas.

En Vilamor encaixan as pezas do acervo galego, a emoción polas raíces, a fachenda pola nosa natureza, a sinerxía pola variedade do idioma (un gusto escoitar eses xiros lingüísticos propios da “asturiana” Santalla de Oscos e Santa María de Piñeira, por citar vilas que coñezo nas que se emprega o “teis” e os artigos en castelán).

Malia perder algo de forza narrativa contra o final, non deixen de ver este título se teñen ocasión. Vainos emocionar tanto ou máis que Sempre Xonxa. E, por suposto, parabéns para todos os partícipes; cine feito con cinco sentidos.

Comentarios