Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Viñetas dende o Atlántico repasará a traxectoria artística de Kiko da Silva

Kiko da Silva, no Kiosko Alfonso, xunto á recreación do seu estudio
Kiko da Silva, no Kiosko Alfonso, xunto á recreación do seu estudio
O pontevedrés, que protagonizará unha exposición e ofrecerá unha conferencia, é o autor galego convidado este ano ao salón do cómic coruñés, que se inaugura o 7 de agosto

A vixésima edición do salón do cómic da Coruña, Viñetas dende o Atlántico, terá como autor galego convidado ao pontevedrés Kiko da Silva (Vigo, 1979). O creador de personaxes como Fiz ou Manuel Pardo, que ademais é o director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético de Pontevedra, protagonizará unha exposición e ofrecerá unha conferencia neste evento, que terá lugar na Coruña entre o 7 e o 13 de agosto.

A mostra de Da Silva, que está composta por máis de 40 orixinais, segundo conta o propio autor no seu blog (kikodasilva.blogspot.com), poderá visitarse no Kiosco Alfonso ao longo de todo o festival. «Preparei unha mostra con orixinais moi diferentes de Fiz, así como traballos inéditos de ‘Baixo a sombra das pedras flotantes’, ‘Castelao, alma galega’ e ilustracións de libros infantís», explica. Ademais, o pontevedrés será o encargado de abrir o ciclo de conferencias de autores que participan no salón. Farao o martes 8 de agosto, ás 18.30 horas, no mesmo Kiosco Alfonso.

Por outra banda, Da Silva anunciou nas redes sociais que aproveitará a súa presenza en Viñetas dende o Atlántico para presentarlle ao público algúns dos seus últimos proxectos editoriais, entre eles, ‘Curso de cómic, Fiz’ ou ‘O picoto do pai’, o último volume colectivo dos alumnos de O Garaxe Hermético.

CONVIDADOS. No vixésimo aniversario do salón coruñés, ademais de Da Silva, participarán os autores Dave Mckean, Eduardo Risso, Enrique Sánchez Abulí, Julie Rocheleau, Ralph Meyer, Cameron Stewart, Natacha Bustos, Nob (Bruno Chevier), Pablo Auladell, Rayco Pulido e Javi Rey. Precisamente un dos pratos fortes da programación é a estrea do espectáculo audiovisual ‘Black Dog, the dreams of Paul Nash’ por parte dun dos convidados do evento, Dave McKean.

Do conxunto de propostas destaca igualmente a retrospectiva que se lle adicará aos autores galegos, da que tamén forma parte Da Silva xunto a colegas como Fran Jaraba, Fernando Iglesias, Xaquín Marín, Das Pastoras (autor do cartel da edición deste ano), Fran Bueno, Álex Cal, Emma Ríos, Víctor Rivas, David Rubín, José Domingo, Fausto Isorna e Jano, entre outros.

Viñetas dende o Atlántico repasará a traxectoria artística de Kiko...
Comentarios