'Vintage'

Era unha peza de roupa de segunda man, comprada nun deses mercados londinienses aos que se pregrina non sen antes contemplar o percorrido obrigatorio da capital británica. O coiro negro desgastado e os botóns a piques de desprenderse a rolos pola xeografía accidentada da indumentaria.

Salvo as costuras, que permanecían intactas naquel corte impecable, todo na peza
transmitía o paso dos anos: ese aire vintage que está tan de moda, e que en realidade sempre formou parte do fondo de armario das economías con menos recursos, pero tamén do patrimonio sentimental das persoas que lles teñen apego a certas cousas porque son unha prolongación de si mesmas.

Alí estaba, agardándoo, nunha fría mañá de sábado, asfixiado en medio dunha morea de chaquetas, xerseis... Sobado centos de veces por mans estrañas e miradas curiosas, ata que el reparou no abrigo negro. Mandou coserlle os botóns, e con cada puntada regresaba un anaco da vida anterior. Empezou a fantasear coa historia daquel abrigo negro.

A quen pertencería aquela peza rescatada do esquecemento e da intemperie, e que el quixo vestir antes de que a estación mudase de nome. Achegouno ao corpo cun ritual case cerimonioso complementado coa visión de satisfación atrapada no espello. Dun xeito case máxico, empezou a apropiarse dunha vida anterior. Volveu amar, rir e sufrir coa mesma intensidade que habitaba en quen antes vestira aquel precioso abrigo negro.

Comentarios