Vivir rodando

Unha foto dunha moza que se fai viral. Unha neta que mestura as historias do seu avó con fantasías que as corrixen contundentemente. Un peregrino que se namora con facilidade. As tres historias que acontecen nesta cidade. As tres saen de 'Pontevedra rodando'
Os alumnos do obradoiro Pontevedra rodando xunto a Pablo Cacheda (abaixo á dereita) o día da estrea das curtas na Casa da Luz
photo_camera Os alumnos do obradoiro Pontevedra rodando xunto a Pablo Cacheda (abaixo á dereita) o día da estrea das curtas na Casa da Luz

"GRAVAR non ten cancelas", di o realizador pontevedrés Pablo Cacheda (Clases de lo Social, Superpunky). Así anima a seguir facendo cousas aos que foron os seus alumnos no primeiro obradoiro Pontevedra rodando, que se desenvolveu no mes de maio e que vén de colgar no espazo web YouTube o resultado do seu traballo. Trátase de tres curtametraxes, O cartaz, As tardes de Samanta e O peregrino, realizadas por tres equipos de traballo. Nelas traballaron os 18 alumnos deste obradoiro que puxeron en marcha a produtora Volvemos a Primera, a Film Commission da cidade e o Concello co obxectivo de incrementar os contidos on-line con Pontevedra como protagonista.

Ese obxectivo está acadado. Practicamente o único que teñen en común as tres curtas saídas de Pontevedra rodando é que transcorren na cidade. O pasado 9 de agosto, as tres se estrearon na Casa da Luz. Agora poden verse en Internet.

Os asesores das curtas foron Pablo Cacheda (realización), Andrés Rozados (produción), Pablo Viña (son) e Santi Romay (interpretación)

"O obradoiro estaba máis centrado na descuberta do que é unha rodaxe que na do proceso de montaxe", explica o coordinador da proposta, Pabo Cacheda. "E non había un tema determinado porque a cousa era propoñer algo aberto para que os alumnos tivesen marxe para traballar".

O obxectivo de que todos os alumnos do obradoiro participasen no proceso cumpriuse. "Todos se adaptaron ás necesidades de cada rodaxe e acabaron facendo de todo, que era o que buscabamos no curso", di Cacheda. "A experiencia (recollida nun making of que tamén se pode ver en YouTube) foi boísima. Sobre todo polo que se refire ao traballo en equipo con persoas de idades moi diferentes". Porque se ben na presentación de Pontevedra rodando se sinalou que estaba especialmente dirixido a alumnos dos institutos da cidade, despois inscribíronse moitos adultos e houbo que repensar o obradoiro. "E, para min, foi un grande acerto porque se convertiu nun reto o de traballar e entenderse uns con outros. En futuras edicións manteremos o de que non haxa límite de idade porque foi do máis chulo que saíu deste curso".

Para sacar adiante o proxecto, Cacheda contou cos seus colaboradores habituais. Se el se ocupou do asesoramento na realización, o seu produtor habitual, Andrés Rozados, fíxoo en cuestións de produción; Pablo Viña no son, e o actor Santi Romay na interpretación. "Eu penso que haberá máis Pontevedra rodando. Os mesmos alumnos deste ano queren repetir. Xa veremos. Eu por agora o que lles digo é que collan a cámara e se poñan a gravar".

Comentarios