miércoles. 23.06.2021 |
El tiempo
miércoles. 23.06.2021
El tiempo

"A volta da frota á Mauritania é unha cuestión de vontade política"

Os representantes do BNG xunto a Francisco Freire, presidente de Anacef durante a xuntanza
Os representantes do BNG xunto a Francisco Freire, presidente de Anacef durante a xuntanza
O BNG presionará institucionalmente para lograr un novo acordo para os cefalopodeiros do Morrazo

Para o BNG o retorno dos barcos cefalopodeiros do Morrazo ao caladoiro de Mauritania é cuestión de vontade política. Por esta razón, decidiu reclamar todo o apoio político ás administracións galega, central e europea, para que se negocien as modificacións e condicións necesarias para que os buques pesqueiros da comarca poidan voltar a faenar nesas augas. O acordo conxunto dos nacionalistas para facer presión institucional chegou o pasado luns, tras o veto da Unión Europea e Mauritania na firma dun novo acordo pesqueiro o pasado 10 de xullo, no que, unha vez máis, se excluíu á frota cefalopodeira do Morrazo, que xa fora expulsada do caladoiro fai tres anos.

A sede da Asociación de Armadores de Marín acolleu este encontro entre representantes dos armadores e mariñeiros dos buques afectados e varios membros do BNG, concretamente o voceiro de Pesca no Parlamento galego. Daniel Rodas, a deputada no Congreso Olaia Fernández, a eurodeputada Ana Miranda e a voceira municipal Pilar Blanco.

Na xunta que se celebrou nas instalacións portuarias abordouse esta nova exclusión dos cefalopodeiros do Protocolo Bilateral de Pesca UE-Mauritania e a necesidade de aunar forzas para os 16 barcos de Anacef (Asociación Nacional de Cefalopoderos) prexudicados neste momento. Aínda que rematou a rolda de negociacións entre Mauritania e a UE, os nacionalistas aseguran que «A volta da frota á Mauritania é unha cuestión de vontade política, existe marxe para poder incluír ao sector cefalopodeiro, tanto na pesca de cefalópodos como na pesca de especies demersais, xa que haberá unha Comisión Mixta en outubro próximo».

Olaia Fernández, Ana Miranda e Daniel Rodas comprometéronse cos armadores e mariñeiros afectados a trasladar a problemática aos ámbitos parlamentarios para implicar á Xunta, ao Goberno central e á Comisión Europea nun tema de grande importancia para o sector pesqueiro galego, que a estas alturas segue sen entender os verdadeiros motivos da súa discriminación dos últimos acordos. Ao respecto Rodas denunciou o «incumprimento de Rosa Quintana e de Feijóo para que estes pesqueiros tiveran novas posibilidades de actividade» e a falta de compromiso do Goberno galego con esta cuestión.

A exclusión dos cefalopodeiros en 2012 mermou a capacidade desta frota. Pasou de estar composta por 24 buques a contar só con 13, xa que o resto foron despedazados. Aínda que contan con tres máis pero en moi precarias condicións en augas de Guinea Bissau e Angola.

Ademais, cando logran licenzas de pesca como en Marrocos onde se deron cinco licenzas para barcos de Anacef, non resulta produtivo estar alí porque Marrocos ditou un decreto segundo o cal non poden faenar a metade do tempo. Polo tanto, non resulta rendábel pagar a licenza para non poder case pescar.

"A volta da frota á Mauritania é unha cuestión de vontade política"
Comentarios
ç