Volven os '15 bolos' do verán ás rúas de Pontevedra

PONTEVEDRA. A rúa Michelena e o 'hall' do edificio do Concello de Pontevedra convertíronse onte a mediodía en improvisados escenarios co gallo da celebración do Día da Música. Thee Blinds Crows, Skirl e Que desilusión! tocaron de balde durante a presentación do ciclo de concertos '15 bolos'.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, foi o encargado de presentar as actuacións, nas que participarán agrupacións do Local de Música de Pontevedra.

'15 bolos' desenvolverase durante o verán, entre o 29 de xullo e o 2 de agosto. Celebraranse cinco concertos na Praza da Verdura, ás 21.30 horas, e oito na do Teucro, ás 22.30 horas.

As bandas que tocarán este ano son Thee Blind Crows, gañadores do Fest 2013, o concurso do Local de Música; The Bodysnatchers, gañadores do Benveñasmaio 2013; Vortex, gañadores do Benveñasmaio 2012 e seleccionados pra o SonRíasBaixas de Bueu 2013; The Grave Dolls, gañadores do Fest 2012; Skirl; Voltage; P.D.A. (Pus de Alce); Flying Carpet; Black Dog; Nagai; Pi Graos; Os Fervellasverzas e Champurrada.

Organizado polo Local de Música en colaboración co Concello de Pontevedra, '15 bolos' forma parte da programación oficial das festas de Pontevedra.

Pola primeira edición, que tivo lugar o ano pasado, tamén de balde e na rúa, estímase que pasaron 2.400 persoas polo público.

O Local de Música –na rúa Otero Pedraio, ao lado da estación de tren– é un espazo público municipal concebido para que os músicos noveis, coma os que van participar en '15 bolos', teñan un punto de encontro onde poder ensaiar, gravar, formarse e informarse.

Abríu as súas portas en 2008, e dende esa data mantén constante a presenza de grupos, arredor do medio cento, cunhas 300 persoas cada semana.

Comentarios